En pleno escándalo polo sainete do peche da Radio Televisió Valenciana o persoal da Compañía de Radio Televisión de Galicia puña o acento na importancia dos medios públicos, pero tamén da necesidade dunha xestión diferente destes, tanto no ámbito empresarial como no informativo. En conversa con Praza a presidenta do comité interempresas da CRTVG, Raquel Lema, advertía de que no ente público, futura corporación, se "están externalizando a un ritmo galopante todos os programas que antes se facían na casa". Tras esa advertencia xenérica chegan os datos. En apenas dous anos, a produción allea nos medios públicos galegos aumentou case un 60%.
Na súa alerta, Lema aseguraba non saber "a que obedecen" estas encargas a empresas privadas, toda vez que é "o dobre de caro" que "producir dentro" coa mesma calidade. Esa pregunta xurdiulle tamén ao PSdeG, que a través do Parlamento cuestionou a Xunta e, por extensión, á propia compañía pública, sobre o volume de produción propia e allea na Televisión de Galicia nos últimos anos. A resposta do Goberno serve para coñecer que entre 2011 e 2013 aumentaron tanto as horas de contidos feitas na casa como as elaboradas fóra, pero as segundas moito máis que as primeiras.
A produción allea pesa xa un 31% nos contidos da Televisión de Galicia
Nomeadamente, a TVG pechou o exercicio de 2011 con 3.480 horas de produción propia e 1.277 elaboradas por empresas privadas. Un ano máis tarde os contidos propios chegaron ás 4.269 horas e os alleos, ás 1.843. Neste 2013 a compañía que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo prevé rematar con 4.373 horas de produción propia, un 25% máis que hai dous anos, e 2020 horas de produción allea, isto é, cun incremento do 58% a respecto do ano 2011. Isto implica, polo tanto, que os contidos alleos pasaron de pesar un 26% a supoñer xa un 31% do total de horas emitidas.
O persoal da CRTVG alerta de que se "externalizan a un ritmo galopante programas que antes se facían na casa"
Para o persoal o incremento da produción allea é un sinal preocupante tanto no ámbito cuantitativo como no cualitativo, toda vez que as principais faixas horarias -deixando á marxe os informativos- da televisión pública xa están protagonizadas, case na súa totalidade, por contidos de empresas privadas, alertan. "Vemos a mesma filosofía e o mesmo xeito de funcionar do PP cos servizos públicos en xeral e cos medios de comunicación en particular, desfacéndoos a cachos", ilustra Raquel Lema, quen ademais subliña que "se nos controlan empresas privadas os intereses non van ser os do conxunto da cidadanía", senón "outros", máis aínda tendo en conta que "un mercado tan reducido como o galego non é rendible" en comparación con outros mercados da televisión.
Publicidade en diarios impresos
Na súa batería de iniciativas o PSdeG preguntaba tamén polos "datos referidos ás axudas, publicidade e convenios adxudicados pola CRTVG" a outros medios de comunicación entre o exercicio 2010-2011 e o presente. Na súa resposta a CRTVG explica que "á nosa chegada á xestión do ente atopamos que algúns" dos "grupos editoriais galegos" se "anunciaran preivamente nos medios públicos galegos sen que estes levaran a cabo a correspondente acción recíproca" que corresponde aos habituais acordos de "intercambio" entre medios -intercambiar anuncios sen custe económico-.
A CRTVG ten acordos de intercambio publicitario con tres editoras de diarios impresos
Dado que "existían importantes saldos de intercambio a favor da CRTVG sen consumir", di o documento, o ente público dispúxose a aproveitar unha "ampla capacidade de presenza publicitaria" que non "supuña desembolso económico real". Segundo a compañía esta é a explicación de que "nas poucas campañas de publicidade en prensa que fai a CRTVG" as "accións vaian dirixidas principalmente" aos xornais propiedade dos grupos Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión), El Progreso (El Progreso e Diario de Pontevedra) e La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños).
- Eu non manipulo, blog do persoal da CRTVG