A TVG gasta ata 5.400 euros en cada retransmisión da misa

Retransmisión dunha misa na TVG © TVG

O pasado marzo o director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, recoñecía no Parlamento que os medios públicos destinan uns 375.000 euros anuais a financiar a súa programación relixiosa, composta basicamente por un programa dedicado ao catolicismo, outro de menor duración sobre a relixión evanxélica e a retransmisión en directo de cerimonias dende templos católicos. En tempos de estreiteces o ente público semella que non prevé pasarlle a tesoira a estas partidas de gastos. Así, poucos días despois de destinar 36.000 euros a alumear a Catedral de Santiago, a TVG disponse agora a contratar a retransmisión semanal da misa por ata 5.400 euros cada domingo durante un ano.

Baixo o aséptico título de "servizo de gravación e transmisión de sinal dun programa para Televisión de Galicia" a canle pública tramita dende hai días a contrtación dunha empresa para realizar a "gravación audiovisual dun programa relixioso dunha duración aproximada de 30 minutos denominado Santa Misa, consistente na gravación, unha vez por semana, dunha misa católica na igrexa que TVG determine". A elección de templo "pode ser modificada" segundo "as necesidades" da propia televisión, pero "sempre" será unha igrexa no "termo municipal de Santiago de Compostela". Para financiar tal retransmisión durante un ano a compañía reserva ata 234.000 euros máis IVE, isto é, 283.140 euros, cun custe máximo por retransmisión de 54.445 euros.

O contrato implica o pagamento ao sacerdote, ao coro e os "gastos da igrexa en que se celebre"

Con eses cartos, ademais do custo derivado de calquera retransmisión televisiva, a empresa adxudicataria sufragará "os gastos que se ocasionen" por "conceptos" como "pagamento ao celebrante [sacerdote]", "pagamento do coro" ou "pagamento dos gastos da igrexa en que se celebre" a misa. Ademais, o contratista traerá consigo o seu propio persoal, polo que non contará con xornalistas nin técnicos do plantel dos medios públicos. Así, a unidade móbil, os "medios de iluminación necesarios para a correcta realización do evento" ou o enlace para a realización do directo estarán manexados por persoal que "dependerá exclusivamente da empresa adxudicataria, tendo esta todos os dereitos e obrigas que lle son inherentes na súa calidade de patrón", di o prego de condicións do contrato. "Televisión de Galicia, S.A. non terá vinculación ningunha con este persoal", advirte.

A empresa adxudicataria achega o seu propio persoal, que non terá "ningunha vinculación" coa TVG

Ademais, a TVG tamén paga para que a empresa asuma "todos os gastos derivados dos traballos", como "material, transporte, seguros, alugueres ou permisos", ademais de "realizar todas aquelas reparacións que, no seu caso, poidan ser necesarias debido a desperfectos ocasionados na igrexa", onde a desmontaxe dos equipos debe desenvolverse "co maior coidado para deixar en perfecto estado o lugar de gravación". Malia tratarse dunha celebración relixiosa a canle autonómica advirte de que os dereitos destes "programas" son "adquiridos en exclusiva, para todo o mundo e polo tempo máximo establecido" na lei de propiedade intelectual. "Ata a entrada da gravación" das misas "no dominio público", a empresa adxudicataria debe ademais cederlle á TVG  "o dereito de transformación da versión galega da mesma, incluíndo a dobraxe e/ou sutitulación a todas as linguas".

Retransmisión dunha misa na TVG © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.