A UE admite que as redes do xeito non son "un problema" e subliña que a Xunta informou tarde

A delegación galega, despregando a rede no pleno da Eurocámara © Delmi Álvarez

BRUXELAS - Enviado especial

"O xeito non me parece un problema". Quen fala é Hubert Gambs, director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, un dos máximos responsables da proposta que o executivo comunitario lles fai aos estados membros da UE e mais á Eurocámara sobre o regulamento que prohibirá o uso de redes de deriva na pesca polo seu elevado impacto ambiental. Se esa proposta non muda apostará por que o xeito, a centenaria arte de pesca da que dependen 417 embarcacións e unhas 1.000 familias en Galicia, tamén sexa prohibida malia obter capturas moi reducidas e non ser agresiva para especies tan sensibles como os golfiños. Este mércores as autoridades comunitarias coñeceron, non sen certa sorpresa, que cando na primavera lanzaron o seu ditame fixérono sen toda a información necesaria. Entre outros aspectos, porque a Xunta e o Goberno de España as informaron demasiado tarde.

Foi o propio sector do xeito, a través de patróns maiores e mariñeiros, o que lle transmitiu á Comisión e a membros do Parlamento que están a piques de cometer un grave erro que sería letal para o seu modo de vida porque o xeito non pode ser considerada unha arte que empregue redes á deriva. A través dunha delegación organizada pola representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, os xeiteiros ofreceron de primeira man unha información que, sinala Gambs, agora tamén lles chega a través dos gobernos español e galego, pero só cando o sector soubo que estaba en perigo de desaparecer definitivamente. "Dependemos moito da información" e "cando preparabamos" este informe, a Bruxelas non chegou "ningunha sobre o xeito" e a Xunta tampouco participou no trámite de alegacións.

Esa falta de dilixencia dende Compostela e Madrid constátaa tamén outro dos altos cargos cos que se reuniu a delegación galega, o xefe da Unidade de Conservación e Control da Pesca, Fabrizio Donatella. "Cando facemos a proposta e pedimos información e alguén esqueceu enviarnos a información" sobre o xeito, un esquecemento que o representante comunitario prefire atribuír a "un erro" que "non é a fin do mundo. Así e todo, indican os dous representantes do gabinete que agora dirixe Jean Claude Juncker, a Comisión agora di dispón da información que antes non tiña e "vaina ter en conta", é "moi útil para nós".

Tocando as redes

Este caudal de información chegado directamente dende a costa galega chegoulles ás autoridades comunitarias a través das testemuñas dos patróns e mariñeiros pero tamén fisicamente, cunha rede do xeito transportada por Miranda e que este mércores percorreu diversas dependencias da Eurocámara. Gambs e Donatella comprobaron coas súas propias mans a fraxilidade dunhas redes que, explicáronlles os profesionais, "só collen sardiñas" e que "rachan" se "collen" calquera outro obxecto. Máis aínda se topan cun golfiño ou unha tartaruga, que é "imposible" que sufran dano ningún cunha arte que ten "cero descartes", que traballa moi poucas horas cada día e que está sustentada en microempresas. É, ademais, a "primeira actividade económica" de concellos como Rianxo, expúxolles aos dirixentes da Comisión o alcalde da vila, Adolfo Muíños. A súa desaparición "sería mortal" para a vila arousá.

"Espero que atopemos unha solución", concluíu o director xeral, quen lles explicou á delegación galega que dende a Comisión se tenta "diferenciar" entre artes de pesca pero "non sempre é doado". A súa intención, di, non é "crear un problema", senón "protexer a pesca" e o medio ambiente. Neste contexto, Donatella mesmo insta os xeiteiros a poñer o acento nas partes do seu argumentario que os poden beneficiar en maior medida: que a arte do xeito "sexa histórica non é unha razón para protexela", porque tamén o son outras tan agresivas como a caza de baleas. Pero si son motivos de peso que sexa "económica e socialmente" e mesmo "turisticamente" tan relevante para Galicia.

O presidente da Comisión de Pesca considera "unha provocación" a proposta de prohibir o xeito por equiparala ás redes de deriva

A rede estivo presente na xuntanza coa Comisión, percorreu os corredores e mesmo chegou ao hemiciclo e tamén á Comisión de Pesca, que xunto coa de Medio Ambiente é a responsable de votar un regulamento que, en calquera caso, xa non entrará en vigor o 1 de xaneiro, como estaba previsto, senón a mediados de 2015 por mor da mudanza de varios prazos. O presidente desa comisión, Alain Cadec, ofreceulles aos xeiteiros un apoio mesmo máis explícito que os do respresentantes do Executivo.

Miranda: "Estes apoios abren a porta para que o xeito sexa excluído da prohibición"

A mera proposta de prohibir o xeito, di Cadec, do Partido Popular Europeo, é xa "unha provocación" e por iso el mesmo e a comisión que representa tentarán que isto non aconteza, asegurou nun intre no que tamén se sumou á comitiva organizada polo BNG a través de Bildu o conservador Francisco Millán Mon. Previamente, nos corredores, o socialista José Blanco foi alén para afirmar ante os mariñeiros que "o do xeito está arranxado".

Dadas as respostas obtidas Ana Miranda amosa un prudente optimismo. O BNG, di, está satisfeito por estes apoios porque "abren a porta para que o xeito sexa excluído desa prohibición". Este xoves completarase a axenda da delegación galega en Bruxelas cun encontro con Renata Briano, relatora no informe sobre as redes de deriva.

O presidente da Comisión de Pesca examina as redes en presenza de Miranda e Millán Mon, que se sumou á comitiva CC-BY-SA Praza Pública
O director xeral terma da rede con Miranda e os xeiteiros CC-BY-SA Praza Pública
A reivindicación do xeito, ante a Eurocámara CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.