A UE deixa nas mans do Estado as multas aos emigrantes retornados

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

A pelota está no tellado do Goberno de Mariano Rajoy e, máis concretamente, no do Ministerio de Cristóbal Montoro. É o que vén dicir o aínda comisario de Fiscalidade da UE, Algirdas Šemeta sobre as multas que o Executivo español lles vén impoñendo con xuros de demora ás persoas emigradas que non tributaron polas pensións de xubilación que perciben dos Estados europeos nos que traballaron por non saber que o tiñan que facer.

A través do que ata o pasado día 1 era eurodeputado por Aralar, Iñaki Irazabalbeitia, o BNG instou a Comisión a pronunciarse sobre a situación destas arredor de 25.000 persoas retornadas da emigración. "Mentres se dan casos de fraude fiscal nun estado de corrupción que toca a membros do partido do Goberno os emigrantes retornados, que traballaron toda unha vida no estranxeiro chea de privacións e contribuíndo a mellorar tamén a economía doutros países vense nun baleiro xurídico" produto dunha "interpretación con fins recaudatorios do Estado español". Este procedemento, din, é "discriminatorio" e por iso reclamaban solucións para esta "dupla imposición".

A xuízo da Comisión as "desvantaxes derivadas da aplicación" de réximes fiscais estatais coma este "non supón, en principio, unha discriminación", toda vez que "o Dereito da UE permite aos Estadosmembros configurar os seus procedemenots de fiscalidade directa". Segundo a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE, explica Šemeta, "a dupla imposición non é contraria" ás normas xurídicas comunitarias, o que non implica que sexa obrigatoria. "Os Estado membros -aclara- poden cooperar ou non para eliminar a dupla imposición, segundo crean conveniente" e a Comisión, admite, está "facultada para formular propostas de lexislación" para "mellorar" o asunto, pero só se os Estados as aproban por unanimidade.

"Os Estados membros poden cooperar ou non para eliminar a dupla imposición, segundo crean conveniente"

Con este pano de fondo o Executivo comunitario, que dende agora dirixirá Jean Claude Juncker, "está traballando para determinar o xeito en que as administracións tributarias dos Estados membros poderían facilitarlles as cousas aos cidadáns en situacións transfronteirizas", por exemplo "mediante a mellora da cooperación entre as administracións tributarias para eliminar a dupla imposición, unha mellor información á cidadanía e a existencia de impresos tributarios común" que eliminasen, por exemplo, as dificultades idiomáticas.

"Non só non se está cumprindo o compromiso, senón que cada día continúan chegando novas sancións"

Ao tempo, conclúe o comisario, as autoridades da Unión están "examinando as lexislacións fiscais dos Estados membros para detectar indicios de medidas discriminatorias nos ámbitos concretos da tributación das persoas móbiles e dos traballadores fronteirizos", entre outros aspectos, "no que respecta ás súas pensións de xubilación". No caso de detectar "existencia de discriminacións" a Comisión resérvase o dereito de "poñer en marcha procedementos de infracción".

As plataformas que agrupan estes emigrantes, pola súa banda, censuran que se lles siga "dispensando tratamento de defraudador fiscal", máis aínda cando "despois dun acordo unánime do Parlamento galego" a Xunta "trasladou o compromiso da Axencia Tributaria de revisar un a un todos os expedientes coa finalidade de, comprobada a ausencia de ánimo de defraudar, retirar todas as sancións impostas e proceder á devolución do cobrado". "Malia isto -lamentan- os emigrantes retornados estamos constatando como non só non se está cumprindo o compromiso, senón que cada día continúan chegando novas sancións".

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.