"A unión do nacionalismo non pasa tanto polo orgánico, senón pola unidade de acción"

Rafa Vilar e Noa Presas presentan a asemblea do MGS © MGS

O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) celebra este sábado en Pontevedra a súa 2ª Asemblea Nacional, que ten lugar no quinto aniversario da organización e dous anos despois do seu primeiro cónclave. Baixo o lema, Construír e Avanzar. Galiza independente e futuro socialista, busca "consolidar e ampliar a base do nacionalismo político e social" que artelle unha "resposta galega" para rachar co Estado español e co capitalismo. Rafa Vilar, concelleiro do Bloque en Compostela, membro da Executiva do BNG e principal cara visible da Mesa Nacional do MGS repasa a traxectoria e o futuro da formación.

Que balance fai destes cinco anos do MGS?

O balance destes cinco anos parécenos, en xeral, positivo. Presentamos unha achega ao espazo nacionalista e de esquerdas que significa unha maior identificación en favor das clases traballadoras e unha posición claramente independentista. Ademais, o noso traballó é desenvolvido en espazos máis amplos, tanto no plano político, a través do BNG, como no sindical, na CIG, ou nos movementos sociais e xuvenís.

"Estamos nun momento de moita efervescencia política que necesita apousar"

Como obxectivo desta 2ª asemblea márcanse o de "alargar o espazo social do soberanismo de esquerdas na nosa nación é afortalarmos a organización". Como se logra iso nestes momentos tan convulsos da política?

É un momento de moita efervescencia que necesita apousar. Aparecen propostas diferentes e algunhas vense moi conxunturais e outras de longo percorrido. Neste escneario de grande confusión, pero non definido aínda, si ten que saír unha clara aposta pola autoorganización, que pivote no BNG pero que seguramente vaia máis aló. E entendemos que aí podemos facer o noso traballo polo noso contacto co ámbito social, político e sindical e pola nosa relación con outras forzas políticas.

É a unión do nacionalismo de esquerdas un obxectivo clave para o soberanismo?

En todo caso, entendemos que esa unión non pasa tanto polo orgánico, senón pola unidade de acción, unha unidade de acción que hai que propiciar no plano social, pero tamén máis adiante no institucional e quen sabe se, a medio e longo prazo, tamén no plano orgánico. Pero hai que buscar espazos comúns que posibiliten que unha suma de siglas poida multiplicar á hora de chegar a máis xente porque, en definitiva, o obxectivo é conquerir a maioría social.

"O nacionalismo galego non está no seu mellor momento, pero si no de consolidarnos apostando polo soberanismo e a esquerda"

O proceso soberanista catalán e a previsible reconfiguración estatal poden deixar Galicia nun segundo plano?

Non é nada novo que os ritmos dos procesos soberanitsas son diferentes nos diferentes teritorios. O nivel de conciencia nacional é menor en Galicia e o desenvolvemento politico das organizacións, tamén. O nacionalismo no caso galego ten unhas raíces fondas, pero non estamos no mellor momento, no de asaltar os ceos, pero si no de consolidarnos a partir dunha proposta política clara no soberanismo e na esquerda para avanzar a partir de aí. E logo, entendemos que todo o que se poida dar no Estado vai ter diferentes momentos e fases. Hoxe é difícil predicir cal vai ser o final do proceso soberanista catalán, pero Galiza o que ten que ter é unha ollada propia sobre o seu propio proceso, desde a autoorganización da xente, que foi historicamente clave no nacionalismo, para así avanzar ao ritmo que se poida. Ese é o camiño, pero o camiño hai que percorrelo.

A aparición de Podemos é positiva ou negativa para o nacionalismo galego?

Podemos non deixa de ser unha incógnita como forza política en construción. Tampoco sabemos que contidos poíticos vai ter finalmente. O que se ve en Galiza é que non quere xogar dentro do espazo dos que consideramos que Galiza é suxieto político, senón que xoga no espazo do españolismo, dos que consideran que España é o suxeito político. Aí vai haber un choque cos que defendemos que o noso país é suxeito político. Podemos fala de respectar o dereito a decidir, pero a ver en que se concreta iso. Teñen a proba de lume co proceso catalán, sobre todo se se aposta pola ruptura como así parece. Nalgún momento terán que posicionarse, pero en Galiza vexo signos preocupantes.

"Podemos, polo que se ve en Galiza, xoga no espazo do españolismo e non no dos que consideramos o país como suxeito político"

Pode Podemos roubar votos no espazo electoral do nacionalismo de esquerdas?

Si, non nos podemos enganar. Hai xente que votaba o BNG fundamentalmente porque era visto como un movemento que estaba na rúa, na mobilización e na esquerda, pero que igual non tiña tan definida unha conciencia de país ou soberanista. Hai e vai haber sectores en disputa entre Podemos e o espazo a onde o nacionalismo chegaba. Se o BNG traballa ben, se implica socialmente e máis nos movementos sociais, combinándoo co traballo institucional, pode tamén disputarlle a Podemos ese espazo electoral.

O MGS aposta claramente pola esquerda e a clase traballadora nun momento no que moitos apelan a esquecerse da disputa esquerda-dereita...

A loita de clases está máis viva ca nunca, pero nun país sen soberanía política todo pasa tamén pola conquista da soberanía e por ter un estado propio porque reivindicamos que isto é indisoluble a cuestión social da nacional. É o que trasladamos na nosa actuación política, sindical e social. Volvo ao principio: o que se deu con esta crise sistémica do capitalismo é que a loita de clases é máis dura ca nunca.

"O pensamento único nos medios en Galicia dálle a Feijóo un cordón sanitario que o converte en intocable"

En Galicia agroman moreas de casos de corrupción e numerosos datos revelan unha fonda desigualdade social e precariedade. Non parecen os problemas do país minimizados na axenda política diaria?

O que me parece terrible é que vivimos nun pensamento único no panorama mediático que é brutal. Fóra de medios alternativos, os grandes medios de prensa ou audiovisuais lanzan un pensamento único, someténdose aos ditado do PP. En Galicia, o señor Feijóo semella ter un cordón sanitario ao seu redor e parece intocable ante a morea de casos de corrupción, que xa está no adn do PPdeG, que o afectan. E non pasa nada. O lóxico sería que se estivese contando a verdade das cousas, pero é certo que se minimizan. e

Dominio Público Praza Pública
Rafa Vilar © MGS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.