A UPG elixe novo líder tras confirmarse a marcha de Francisco Rodríguez

Francisco Rodríguez Dominio Público Praza Pública

“A min valenme todos”, asegurou Francisco Rodríguez, secretario xeral da Unión do Povo Galego (UPG), preguntado polos “cinco ou seis nomes, de diferentes sexos” que optan a subsituílo no liderado do partido, que celebra esta fin de semana o seu XIII Congreso Nacional e cuxo plenario se celebrará o vindeiro domingo.

Francisco Rodríguez confirmou este venres que abandona a secretaría xeral da UPG logo de doce anos á fronte. E faino destacando o seu “autoritarismo nulo” fronte á “imaxe que se vende” del. Na súa opinión, a súa figura foi “xustamente a contraria a un líder, aos xefes e a supostos personaxes maléficos ou míticos”. “Non o digo como unha virtude; se algún defecto ten o nacionalismo históricos é o non querer ninguén ou haber pouca disposición de estar nos cargos”, asegurou.

Rodríguez destaca o seu "autoritarismo nulo" fronte a "imaxe que se vende" del

O que fora líder da UPG durante máis dúnha década advirte que seguirá “militando” e “traballando” en cuestións de tipo “intelectual” pero non en primeira liña, despois de que abandonase tamén a Executiva do BNG, do que forma parte o seu partido. Tampouco será presidente de honra, tal e como aclarou, pero podería formar parte do comité central, cuxos membros se elixirán nun congreso ao que están chamados máis dun milleiro de militantes e no que se espera unha importante presenza.

O que fora líder da UPG durante doce anos seguirá "militando" pero non na primeira liña nin como presidente de honra

Ademais, negou “a maior” ante as acusacións a UPG de impedir a convivencia no Bloque, razóns ás que aludiron Encontro Irmandiño ou Máis Galiza para abandonar a fronte. “Pertenzo a ese grupo hexemónico, tardei moitos anos en ter un cargo institucional, canto os tive foi por anuencia; non creo que o fixese mal. Agora, con 66 anos, non teño cargo ningún, nin o quero, nin me interesa”, manifesta Rodríguez, que reivindica o BNG como “a organización máis democrática e máis transparente do Estado español e en toda a UE”. Así, retou “a calquera a que demostre o contrario”, aínda que matizou que “outra cousa é que non se acepten resultados democráticos”, en clara alusión aos escindidos.

"O BNG é a organización máis democrática e transparente do Estado e da Unión Europea"

“O que estou disposto a aceptar é que, normalmente, nunca calo o que penso, e ideoloxicamente estou afeito a defendelo”, recoñeceu, tras defender “a unidade, estabilidade, coherencia ideolóxica e espíritu de colectividade” do seu partido. Entre os posibles candidatos a substituír a Francisco Rodríguez, collen forza os nomes de Francisco García, alcalde de Allariz, e Roberto Vilameá.

Francisco Rodríguez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.