A viaxe por separado do nacionalismo galego a Europa

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Nin xuntos, nin revoltos. O nacionalismo galego vai camiño de concorrer separado e en varias partes ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio. A circunscrición única estatal e a necesidade de unir forzas para acadar representación obriga a unha procura de acordos nos que hai de todo e para todos. O intento por formar unha candidatura única galeguista e soberanista volverá quedar en nada, tal e como aconteceu nos últimos comicios autonómicos.

Confirmada a alianza de CxG co nacionalismo conservador e a do BNG coa esquerda 'abertzale', queda por saber a decisión de Anova

Confirmada a alianza de Compromiso por Galicia (CxG) co nacionalismo conservador catalán, vasco e canario, así como o apoio maioritario da militancia do BNG á coalición coa CUP e a esquerda abertzale, queda por saber a decisión que tomen as bases de Anova. Será este domingo cando a formación que lidera Xosé Manuel Beiras decida en referendo a súa alianza electoral e cando, en definitiva, os dous sectores enfrontados no movemento nacionalista midan as súas forzas.

Será unha batalla entre o sector que aposta por reforzar AGE e a alianza coa esquerda federalista de EU -ademais de con Equo e cos ecosocialistas- e o que avoga por distanciarse de Esquerda Unida e buscar acordos co nacionalismo, incluíndo tamén o Bloque. Pero as opcións de voto serán tres e non dúas: unha coalición coa "esquerda federal", outra con formacións "da esquerda nacionalista das nacións sen Estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas" e unha última alternativa que propón que Anova non se presente ás eleccións europeas de final de maio.

A militancia de Anova elixirá en referendo entre reeditar AGE, buscar acordos coa esquerda nacionalista ou non presentarse aos comicios

Os dous sectores están claramente diferenciados, agora tamén a través de documentos nos que se pide o apoio a  unha ou outra opción. Martiño Noriega, que dimitiu como número dous de Anova o pasado mes de decembro, lidera un manifesto (#NósqueremosAGE) no que cuns 40 afiliados máis -entre eles o deputado Antón Sánchez, o ex parlamentario David Fernández ou o alcalde de Manzaneda- apostan por seguir reforzando Alternativa Galega de Esquerda e non "abandonar o camiño iniciado", que "non só defraudaría expectativas dos sectores populares máis concienciados, senón que significaría, de facto, asumir que, de todo o feito até hoxe, moitas cousas foron un erro". Representantes de todas as sensibilidades decántanse por esta opción, ao igual que Beiras, que enviou un documento á militancia para amosar as súas preferencias e nas que culpa o BNG de "obstruír" a posibilidade dunha fronte galega. Yolanda Díaz, coordinadora de EU, volveu animar a Anova a apostar por unha fronte ampla.

O texto, que segue sumando adhesións de afiliados da formación, recoñece que "a cultura de fronta ampla plásmase hoxe de forma precaria en AGE", polo que é "imprescindible facer sólida e expansiva" a devandita cultura, establecendo "alianzas con outras esquerdas de fóra de Galicia, estatais e europeas". "É ilusorio pensar que sen elas poden cambiar as cousas a mellor para os nosos intereses como pobo".

Noriega lidera un manifesto que pide fortalecer AGE e López Rico e Eyré outro no que se aposta por buscar acordos co BNG

Tan só un día despois de que este texto vese a luz, un sector liderado por Mario López Rico, Luis Eyré, Laura Ogando ou Concha Trigo lanzou outro manifesto (Queremos Anova, queremos Fronte Ampla), apoiado por preto de 50 militantes, que defende a opción número 2  e a busca de acordos "con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas". No caso de que saíse gañadora esta alternativa, o conxunto da militancia debería decidir aínda noutro referendo cal é "a fórmula definitiva de concorrencia ás eleccións".

Esta opción do oficialismo e da dirección de Anova cre que buscar acordos co Bloque e outras forzas nacionalistas "é a a posición máis congruente cos acordos asemblearios", así como "a máis compatíbel coa Fronte Ampla non excluínte". Segundo este sector, integrarse na candidatura de IU é "a opción máis afastada" dos principios organizativos do partido e "impedirá a súa consolidación como a organización da esquerda nacionalista do século XXI". 

No manifesto apóstase por "seguir tecendo vencellos entre todas as forzas da esquerda, nacionalista ou non" e enfrontarse así á dereita, pero crese que "para iso é preciso unha Anova consolidada", algo que só se conseguiría apostando por unha alianza nacionalista, aínda que "en ningún caso esta opción interfire no acordo de lexislatura autonómica da coalición AGE que está blindada polo acordo das catro forzas que a integran".

 

Apoio masivo á alianza con Bildu á espera da CUP

No caso de que fose esta opción a gañadora, Anova podería buscar a última hora un acordo para se integrar na alianza que formarían BNG, EH Bildu e a CUP, aínda que esta última aínda deberá decidir o 9 de marzo se concorre ou non aos comicios europeos. Da coalición, na que podería incluírse tamén Nós-UP, caeuse ERC, que opta por priorizar unha candidatura catalá e da sociedade civil do país e ante o avance imparable do proceso soberanista.

As asembleas comarcais do Bloque apoiaron masivamente o acordo con Bildu e a CUP

O mandato da militancia do Bloque, no entanto, foi claro. As asembleas comarcais apoiaron con máis forza aínda que no Consello Nacional a coalición coa CUP e a esquerda abertzale, sendo tan só o colectivo Abrente, que lidera Carlos Aymerich, o encargado de defender a procura dunha unión coas forzas nacionalistas galegas, unha opción que foi menos apoiada incluso que a busca dun acordo con ERC.

Xunto ao Bloque, tamén CxG ten decidida xa a súa aposta de cara aos comicios europeos. Este mesmo xoves, unha delegación da formación galeguista participou nunha xuntanza multilateral no Congreso dos Deputados con Convergència, Unió, PNV e Coalición Canaria e na que se chegou a un "principio de acordo" entre os que son os partidos integrantes da Coalición por Europa que se presentará ás eleccións do 25 de maio. "Vertebrarase en torno a tres piares: máis democracia, máis benestar e máis autogoberno", aclarou Manuel González, membro da Executiva Nacional.

CxG formará parte da Coalición por Europa que xunta a Unió, Convergència, PNV e Coalición Canaria

"Sendo forzas políticas diferentes, fomos quen de chegar a un principio de acordo, sendo os mellores herdeiros de todo o capital simbólico de Galeusca", insistiu González, que aclarou que CxG levará a cabo "campaña propia, programa propio, con candidatos propios e coa marca de Compromiso por Galicia". Será unha campaña propia como a que fará o Bloque e a que podería facer Anova en Galicia. Serían tres campañas para o nacionalismo galego de cara aos comicios europeos. Un novo fracaso no intento da unión do soberanismo.

Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública
Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG
Xuntanza de CxG no Congreso dos Deputados © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.