"A xente está comezando a diferenciar a esquerda real da pseudoesquerda que nos tivo amordazados"

César Santiso CC-BY Esquerda Unida

César Santiso é o unico concelleiro de Esquerda Unida na Coruña, grazas ao éxito electoral acadado nas últimas municipais, nas que obtivo o 6% e ficou a unha ducia de votos do segundo edil. Transporte público, participación cidadá, touradas e desempregos son os eixos da súa acción no Concello.

Estades satisfeitos co labor realizado nestes primeiros meses en María Pita? É posible levar adiante as vosas propostas ou fiscalizar a acción do Goberno cunha maioría absoluta do PP?

A democracia tamén é aritmética, e neste caso a aritmética é negativa para a esquerda. O Partido Popular ten maioría absoluta e eles deciden o que aceptan e o que non. Aínda así consideramos que, se cadra por ser unha forza nova que entramos con novas forzas e ideas, estamos conseguindo introducir algunhas propostas que estaban no noso programa. Hai que ter moita vontade de diálogo e ás veces pasar por riba das lóxicas partidarias. Porque hai problemas dos cidadáns que se resolven por sentido común. E se o Partido Popular fai algo ben, dirémolo.

"As forzas políticas que queiran transformar a realidade o primeiro que deben facer é empoderar a cidadanía"

E fixo algo ben? Como valorades a xestión de Negreira?

A valoración é moi negativa, comezando porque non se está facendo nada para resolver o principal problema que temos: o desemprego. Negreira -e o PP en xeral- entrou no goberno dicindo que ían crear postos de traballo e que ían reactivar a economía, e non fixeron nada. E ademais non se decataron aínda de que o problema está no actual modelo produtivo, baseado na construción e na especulación, que temos que cambiar e do que PP e PSOE son culpables. Temos que apostar por outra economía, máis sustentable, máis respectuosa coa natureza e os recursos, consciente do fin da era do petróleo. Tampouco avanzamos nada na participación cidadá. A cidadanía debe rearmarse, empoderarse, iso é fundamental. As forzas políticas que queiran transformar a realidade o primeiro que deben facer é empoderar a cidadanía, e iso non o fan nin o PP, nin o PSOE nin o BNG. O PP na Coruña fixo todo o contrario: non aplicou normativa de participación cidadá e creou os concelleiros de barrio, unha estrutura caciquil que o que fai é facer favores, bloquear a participación e limitar o papel das asociacións veciñais, ás que benefician ou non en función da súa afinidade política.

Dá a impresión de que en Esquerda Unida puxestes un especial empeño na relación con colectivos sociais e veciñais, e que se cadra aí estivo a clave do voso ascenso electoral...

Á esquerda pásalle moitas veces que está demasiado concentrada buscando as solucións globais aos problemas, e esquece o contacto cos problemas locais. Está moi ben pensar nas solucións globais, pero debemos aplicarnos o lema ecoloxista de pensa en global, actúa en local. Hai que estar nos barrios e nas rúas e non só nas mobilizacións. E así levamos traballando varios anos, e seguimos facendo as asembleas de barrio, e alí o que se decide o levamos ao pleno do Concello.

"A Negreira non só lle falta un plan de emprego, senón que lle falta un plan para todo"

Como valorades a política de mobilidade e trasporte público do Concello?

A Negreira non só lle falta un plan de emprego, senón que lle falta un plan para todo. Como toma decisións como eliminar o carril-bus sen un estudo completo das necesidades. Non podemos gastar cartos públicos, que son de todos, sen unha planificación. Toda acción en mobilidade ten que ser produto, ademais, consensuado con veciños, comerciantes, colectivos ecoloxistas, expertos... Así como noutros asuntos non é así, neste tema o goberno municipal está pechado ao diálogo. Ademais, a situación empeora por un contrato moi inxusto polo que o concello lle dá varios millóns de euros ao ano á empresa concesionaria, que tivo 3.5 millóns de euros de beneficios o pasado ano. Hai que levar a cabo un Plan de Mobilidade, para dar máxima prioridade ao transporte público, e reducir o prezo, para facelo máis atractivo. E por último, construír aparcadoiros disuasorios.

"Como pode o PP defender os recortes en servizos sociais, sanidade e ensino e apoiar as millonarias subvencións ás touradas?"

Galicia, mellor sen touradas vén de presentar, co voso apoio, máis de 15 mil sinaturas pola eliminación das subvencións do Concello aos espectáculos taurino. Acadarase o obxectivo? 

Acadar 15.500 sinaturas en tan pouco tempo é espectacular, case un dez por cento do electorado. Por exemplo, o manifesto a favor dos touros conseguiu mil firmas. Que a cidadanía coruñesa está en contra das touradas é evidente, e iso vese nas bancadas baleiras, apesar de que regalan as entradas. Como pode o PP defender os recortes en servizos sociais, sanidade e ensino e apoiar as millonarias subvencións ás touradas? Con cartos das familias traballadoras, o Concello está subvencionando as butacas da elite.

"A mobilización ten que ser constante ao longo do tempo e creo que imos ser capaces de darlle a volta a esta situación"

Está habendo unha reacción cidadá fronte á xestión que se fai da crise? O éxito da folga xeral pode ser un indicador diso?

A folga foi un éxito, foi moito máis masiva que as anteriores. E iso que estabamos nunha situación moi difícil para facer folga, e os traballadores e traballadoras foron moi valentes. Eu tamén son sindicalista e recibimos moitas chamadas para que fosemos facer piquetes en empresas que ameazaban co despedimento a quen non fose traballar. Un dos lemas de EU nas xerais era Democracia ou mercados, e a xente está comezando a velo. E tamén está comezando a ver que hai esquerdas e esquerdas, a xente está comezando a diferenciar onde está a esquerda real e onde unha pseudoesquerda que durante moito tempo nos tivo amordazados. Iso estámolo vendo todos os días, a xente cada vez se achega máis a Esquerda Unida, como se viu en Andalucía recentemente. A xente ve que ou reaccionamos ou estamos perdidos. A mobilización ten que ser constante ao longo do tempo e creo que imos ser capaces de darlle a volta a esta situación.

César Santiso CC-BY Esquerda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.