A Xunta aférrase a que Novagalicia "siga aceptando" a arbitraxe nas preferentes

Manifestación de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

A polémica das preferentes arrecia e a Xunta e o PPdeG traballan en dúas frontes, a política e a administrativa, para tentar capear o temporal. Mentres, dende os foros puramente partidarios o presidente do Goberno galego e líder dos conservadores arremente con dureza contra PSdeG e BNG para non só acusalos de "utilizar" as vítimas dos produtos financeiros, senón tamén para acusalos da súa comercialización -foron colocadas, entre 2003 e 2011, isto é, antes, durante e despois do bipartito-, o conselleiro de Economía tenta aplacar os ánimos. Francisco Conde aseguraba este domingo, vinte e cato horas despois de que a carraxe dos afectados chegase ás portas do congreso do PP de Pontevedra, que a vía da arbitraxe de consumo segue aberta.

En declaracións á Radio Galega Conde amosouse convencido de que a arbitraxe segue a ser "a solución máis eficaz" para que "todos os afectados cun perfil aforrador recuperen a totalidade dos seus aforros". Mentres as plataformas que se opoñen á "estafa" artellan a reacción á quita anunciada polo Goberno central -perderán arredor da metade dos cartos e o resto devolveranllos en accións do banco- o conselleiro aseguar que o Executivo "seguirá a defender os intereses das familias enganadas" coa intención última de que "recuperen o 100% dos seus cartos". 

O conselleiro de Economía lanza mensaxes conciliadoras mentres Feijóo culpa do conflito á oposición

Pero todos os bos desexos expresados por Francisco Conde están condicionados a un factor esencial: que Novagalicia Banco queira ou, o que é o mesmo, que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) -o organismo estatal que a controla-, dea o seu visto e prace. Neste contexto, asegura que o Executivo vai seguir "instando o banco a que continúe aceptando casos para que sexan solucionados pola mediación", unha fórmula que "xa permitiu ata hoxe que preto de 15.000 persoas recobrasen os seus cartos integramente". En todo caso, isto só acontecerá se o banco ten a ben que aconteza.+

Estas chamadas á conciliación lanzadas polo titular de Economía chegan nun contexto no que o propio Feijóo segue a acusar a socialistas e nacionalistas de "lavar as mans cando se emitían as preferentes" e agora "fregalas porque ven nos afectados unha arma arreboladiza contra quen ten como único interese buscar solucións", isto é, o PP e a Xunta. Así, segundo o presidente, os afectados non deben "esquecer" cal foi "o goberno que ignorou os riscos que estaban correndo e marchou sen facer nada por eles".

 

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.