A medida é outra máis das aprobadas hai unhas semanas na polémica lei de acompañamento e chega un ano despois de que o sector tombase a lei de acuicultura que permitía aumentar o número de bateas
A Consellería do Mar vén de publicitar este mércores outra das numerosas modificacións legais introducidas hai unhas semanas en todo tipo de ámbitos a través da denominada lei de acompañamento dos Orzamentos autonómicos. Desta volta, con visita a unha batea incluída da conselleira do Mar, Rosa Quintana, a Xunta salientou que nesa lei de acompañamento vén de aprobarse a ampliación do prazo de diversas concesións, “fundamentalmente bateas de mexillón, de 30 a 50 anos”, unha medida que o Goberno galego admite que vai “en consonancia coa Ley de Costas do Estado”.
A Lei de Costas estatal foi modificada en medio dunha importante polémica en febreiro de 2013 co único voto do PP. Nela se ampliaron os prazos de diversos tipos de concesións, como as de vivendas ao bordo do litoral. A finais de 2014 foi aprobado o Regulamento que desenvolve esa lei, e nel indícase que as concesións para instalacións marítimas, como as bateas, poden ter unha duración de “ata un máximo de 50 anos”. Un tope que non é de obrigado cumprimento, senón só un límite legal estatal que agora a Xunta decide aproveitar ao máximo para, segundo a súa argumentación, “incrementar a seguridade xurídica das empresas e dos inversores e mellorar o desenvolvemento planificado da acuicultura do mexillón”.
Agora, non só non haberá máis bateas senón que se amplían as concesións das xa existentes
En toda Galicia hai unhas 3.300 bateas. A ampliación das concesións xa existentes prodúcese logo de que a Consellería do Mar se vise forzada a retirar hai un ano a súa proposta de nova lei de acuicultura, moi contestada polo sector. Naquela norma frustrada, o Goberno galego abría a porta a outorgar novas concesións de bateas. Agora, non só non haberá máis bateas senón que se amplían as concesións das xa existentes.
A ampliación das concesións das bateas é outra máis das numerosas modificacións legais aprobadas pola Xunta cun debate parlamentario reducido grazas á súa introdución na lei de acompañamento. Con ela o PP aprobou tamén designar a dedo os letrados do Consello Consultivo, facilitar a expansión das explotacións forestais e a instalación de megaplantas de biomasa ou prorrogar as licenzas autonómicas de televisión ás empresas que as están a incumprir.