A Xunta anuncia prácticas en empresas para mocidade cualificada a tres días dos comicios

Evolución da taxa de paro na mocidade galega dende o 2009 Dominio Público Praza Pública

O DOG deste xoves publica a convocatoria dun programa de bolsas para financiar a realización de prácticas en empresas para mozos e mozas cualificadas de menos de 25 anos. O anuncio chega tres días antes das eleccións deste domingo e únese a outras medidas comunicadas ao longo da campaña electoral, dende a promesa de contratos navais lanzada por Feijoo en Ferrol no comezo da campaña ata o recente concurso de 128 postos de traballo realizado pola Deputación de Ourense este mércores.

Neste caso, o Goberno galego destaca que dedicará 800 mil euros para sufragar a incorporación a empresas de persoas entre 18 e 25 anos que posúan titulación universitaria ou formación profesional de grao medio ou superior. Esta iniciativa beneficiará por un período de 6 a 9 meses a ao redor de 130 mozos e mozas, que recibirán un mínimo de 640 euros no caso das prácticas non laborais de menos de 4 horas ao día e de 800 euros nas de máis de 4 horas. A medida forma parte da Axenda 20 para o emprego, que busca reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020.

A taxa de actividade para os galegos e galegas entre 16 e 19 anos era do 21,7% cando Feijoo chegou ao poder en 2009 e do 13,6% cando repetiu triunfo electoral en 2012; na actualidade no 8,4%. O mesmo sucede no grupo de idade de 20 a 24 anos: do 63,8% (2009) pasou ao 58,7% (2012) para situarse agora no 48,4% (2016), segundo os datos da EPA.

En canto á taxa de paro das franxas de idade ás que esta medida quere beneficiar, esta pasou de ser do 41% (2009) ao 52,3% (2012) e ao 63,9% (2016) para os mozos e mozas de 16 a 19 anos. Para o grupo de 20 a 24, a evolución tamén foi negativa na primeira lexislatura: do 28,6% (2009) ao 45,1% (2012) e mellorou un chisco nos últimos catro anos, ata o actual 41,1%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.