A Xunta apraza seis meses a suba do canon de Sogama pero prevé aumentalo máis en 2015

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

A Xunta decide aprazar a suba do canon que os concellos pagan a Sogama, pero ameaza xa con aplicar máis incrementos nesta factura do lixo a partir de 2015. O Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias acordaron este venres adiar este incremento na taxa polo tratamento de residuos até o 1 de xullo de 2014, en lugar do 1 de xaneiro previsto, logo das protestas e reivindicacións dunha morea de concellos que ameazaron con deixar de pagar á planta de Cerceda se o Executivo non negociaba unha alternativa.

Preto duns cen concellos galegos -practicamente todos os que non están gobernados polo PP- acordaran facer fronte común a unha suba que supoñía que os 296 municipios que envían os seus residuos á planta de Cerceda tivesen que pagar un 34% máis pola factura da sociedade pública, o que obrigaría maioritariamente a repercutir este incremento nos veciños ou ser asumido polas precarias contas dos municipios. A loita dos alcaldes, que pediron a intermediación da Fegamp, só deu parte do resultado previsto, xa que o impacto desta suba sobre as contas municipais reducirase ata o 17%, tal e como insistiu en destacar o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

A Xunta advirte de que no vindeiro xullo haberá que volver revisar o canon de cara ao ano 2015

Porén, o problema non está solucionado. Nin moito menos. A Xunta xa advirte de que no vindeiro mes de xullo, en canto estea rematada a reforma do sector eléctrico do Goberno central, haberá que volver revisar o canon de cara á 2015 e o Goberno galego non descarta para nada unha nova suba da factura do lixo. A clave está, precisamente, nesa reforma de Madrid, que recorta os ingresos que Sogama obtén pola enerxía que xera a incineración de residuos.

A consellería deixou claro que a Xunta considera inviable a suba escalonada ao longo de varios exercicios. Hai que ter en conta que o Goberno prepara tamén medidas para sancionar a aqueles concellos que se neguen a pagar o canon. Ademais, aclarou tamén que haberá que reformular o plan de viabilidade da sociedade para estudar "como inciden nos resultados da empresa tanto a diminución de ingresos previstos pola demora na aplicación do canon, como os cambios que aínda poden producirse no sector". En definitiva, non descartou outra suba nesta factura do lixo para 2015, inevitable tendo en conta que volverán diminuír os ingresos de Sogama.

Hernández ofrece aos concellos consensuar a modificación do Plan de residuos sempre que non se cuestione Sogama

Hernández tamén trasladou á Fegamp o compromiso  de consensuar cos concellos a modificación do Plan de Residuos que actualmente se está a tramitar, pero puxo "como única condición de partida", segundo indica a Xunta, que non se cuestione Sogama, onde están dispostos a "pactar a mellor fórmula para tratar os residuos". 

A Fegamp considera un "avance importante" o pacto, pero está a expensas das "repercusións" que a reforma enerxética terá de novo no canon

Desde a Fegamp, o seu presidente, José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol, cualificou de "avance moi importante e considerable" o acordo ao ser  unha medida "paliativa". Os dous vicepresidentes tamén amosaron a súa satisfacción polo pacto, pero con serios matices. O socialista Alfredo García, alcalde do Barco, cre destaca que os concellos "só pagarán a metade" do previsto durante 2014, mentres que o nacionalista Francisco García dixo considerar "positivo" o cambio, pero a expensas das "repercusións" que terá a reordenación do mercado eléctrico. Desde Compromiso por Galicia xa se cualificou o acordo como só "un parche" que non arranxa a situación de fondo.

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama
Comisión executiva da Fegamp © Fegamp

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.