A Xunta asina un "contrato" coas persoas dependentes que poderá incumprir sen consecuencias

A titular de Benestar, nunha visita a unha escola, este martes © Xunta

"Dar resposta ao 97% das consultas dos cidadáns relacionadas co procedemento de recoñecemento da situación de dependencia (...) nun tempo máximo dun minuto", "valorar ao 65% das persoas solicitantes nun tempo máximo de 70 días", "valorar ao 100% dos menores de tres anos nun tempo máximo de 12 días", "aprobar o programa individual de atención do 100% dos expedientes de asistencia social nun máximo de dous meses dende a resolución do grao de dependencia", "proporcionar, nos casos de emerxencia social (...), o acceso ao servizo idóneo nun prazo máximo de cinco días naturais". Son algúns dos compromisos que a Xunta, a través da Consellería de Traballo e Benestar, vén de asumir en materia de atención a persoas dependentes. Faino a través da primeira "carta de servizos" que se aproba na materia, un documento que a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, eleva á categoría de "contrato" pero cuxo incumprimento non terá, na práctica, consecuencia ningunha.

A única consecuencia do incumprimento será a posibilidade de reclamar para "tirarlle das orellas á Administración"

No nome do departamento que dirixe Beatriz Mato, Piñeiro comparecía este martes ante a prensa para debullar a carta, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) na mesma xornada. É un "contrato" ateigado de "estándares de calidade", inscrito no "noso afán de modernización e aposta continua pola mellora da calidade de prestación de servizos", inclúe "sete servizos, nove subservizos e 30 compromisos". Pero, que pasa se a Xunta non cumpre? Unha persoa en situación de dependencia ou a súa familia terá compensacións se agarda máis tempo do estipulado pola atención que legalmente lle corresponde? "Compensación, non", admite a alto cargo. "Nesta especie de contrato se a administración incumpre ese compromiso, o cidadán esta'no seu dereito de presentar unha queixa". Pero o único efecto desa reclamación será que supón "tirarlle das orellas á Administración", dicirlle "comprometécheste a algo que non estás cumprindo", evidencia a secretaria xeral. Pero nada máis.

Nun contexto no que Galicia continúa a ocupar os postos de cabeza do Estado no referido ao tempo que esperan as persoas dependentes Coro Piñeiro tenta amosar un panorama ben diferente: "estamos moi preto de cumprir todo ao que nos comprometemos" na nova carta de servizos, asegura. Así e todo, o propio "contrato" inclúe prazos dificilmente reclamables xa que, por exemplo, a Xunta asegura que proporcionará "acceso efectivo ao servizo de atención residencial" nun tempo máximo de "15 días naturais no 75% dos casos", pero a contar "dende a notificación do dereito" ao servizo. Do mesmo xeito, asegura que facilitará transporte adaptado "para asistir ao serivzo de atención diúrna -centro de día-" no 85% dos casos en qeu se resolveu outorgar o devandito servizo e a persoa beneficiaria cumra con todos os requisitos que se establezan".

Neste contexto a única consecuencia da existencia desta carta de servizos nun sector que vive pendente dos recortes do Estado semella ser a parte de avaliación. A Xunta, compromete Piñeiro, "avaliará anualmente o grao de cumprimento dos servizos" e os resultados desta análise "faranse públicos". O Goberno galego, afirma, manterá unha "comunicación transparente" coa cidadanía sobre a marcha do sistema.

A titular de Benestar, nunha visita a unha escola, este martes © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.