A coincidencia no tempo das semanas máis intensas do proceso soberanista catalán e da durísima vaga de incendios padecida por Galicia a mediados de outubro están a deixar nun segundo plano político e informativo o trámite dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2018, que transitan polo Parlamento dende o pasado día 20. Alén das grandes magnitudes orzamentarias e dos cambios legais que traen consigo as contas públicas son tamén unha oportunidade para obter unha radiografía de diversos ámbitos da vida do país. Un deles son as consecuencias da crise económica no sector da poboación económica e socialmente máis vulnerable, a que precisa axudas para a mera subsistencia e que, alén de mensaxes partidarias e da macroeconomía, continuarán durante 2018 en máximos históricos, segundo admite o propio Goberno no seu proxecto orzamentario.
A achega fundamental da Administración autonómica a estas persoas é a Renda de Inclusión Social (Risga), o subsidio que na súa contía máis habitual rolda os 430 euros mensuais para "subsistiren" mulleres e homes en "exclusión social ou en risco de exclusión", segundo a normativa que a regula. Os últimos datos reais de xestión da Risga, correspondentes a 2016, constatan o mantemento dunha bolsa de pobreza crónica próxima ás 11.000 persoas que, atendendo ás cifras oficiais, segue neste 2017 en cifras semellantes e continuará sen baixar en exceso no vindeiro exercicio.
En 2016, último ano con datos reais, recibían a Risga unhas 10.800 persoas e a Xunta prevé que en 2018 a cifra sexa semellante
Cando o Goberno galego elaborou os orzamentos aínda vixentes, os deste 2017, a previsión da Consellería de Política Social era a de ter que atender unhas 11.300 persoas coa Risga despois de achegarse o dato real de 2016 ás 10.800. Nos Orzamentos Xerais que agora se debaten no Parlamento o departamento que dirixe José Manuel Rey Varela estima que durante 2018 percibirán novamente a Risga unhas 10.800 persoas. Ou, o que é o mesmo, máis do dobre das que a precisaban no inicio da crise económica.
Estas previsións prodúcense tras uns anos nos que Política Social si atinou ao estimar o número de persoas ás que tería que abonar a Risga, pero non tanto ao prever os cartos públicos que tería que achegar a esta finalidade. A partida orzamentaria que sufraga estas axudas é unha das que a lei fixa como ampliables, polo que as súas subas e baixas dependen, en última instancia, do número de persoas que a precisen. Deste xeito, unha suba sistemática da partida da Risga non implica un maior compromiso social do Goberno, como defendeu a Xunta durante anos, senón simplemente un maior volume de poboación que precisa esta achega económica.
Política Social orzamentara 57,4 millóns para a Risga, pero foron insuficientes e tivo que achegar varias inxeccións adicionais para atender novas peticións de axuda
No ano 2018 os fondos iniciais para financiar a Risga serán, segundo o proxecto orzamentario, uns 62,5 millóns de euros. Trátase dun incremento de case un 9% a respecto dos 57,4 millóns orzamentados inicialmente en 2017, previsión que non obstante se revelou como insuficiente apenas un mes despois de aprobar os orzamentos aínda vixentes. Así, en marzo Política Social quedou sen fondos para afrontar novas solicitudes e tivo que inxectar 600.000 euros adicionais na Risga e o mesmo sucedeu ao mes seguinte, en abril, cando tivo que achegar case 900.000 euros máis. No verán, cando o Goberno de España deu aprobado os seus orzamentos, a Xunta aproveitou o ingreso de 228 millóns de euros cos que xa contaba pero que formalmente aínda non recibira para achegar á Risga outros 4 millóns.
Deste xeito, o montante total do orzamento real da Risga durante 2017 foi xa de, cando menos, 62,9 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da autonomía e apenas 400.000 euros menos dos orzamentados para 2018. Dado que o orzamento de 2017 está vixente ata finais de ano aínda cabe, ademais, a posibilidade de que a Xunta teña que realizar achegas novas para atender a esta prestación pola vía das modificacións orzamentarias dos meses que restan ata o remate do exercicio.