A Xunta atribúe á "xeoloxía" e ao mal tempo 50 millóns de sobrecustos en obras

Inauguración dunha obra da Xunta na etapa de Hernández como conselleiro © Conchi Paz

O pasado novembro o Consello de Contas facía público un informe sobre a contratación pública da Xunta en 2010 e 2011, os dous primeiros anos completos tras o retorno do PP ao poder. Nese informe o ente fiscalizador detectou "importantes desviacións de carácter económico e temporal" en obras dependentes da Consellería de Infraestruturas, na altura dirixida polo actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e cifraba o prexuízo para as arcas públicas nuns 50 millóns de euros, toda vez que adxudicacións por 152 millóns acabaron custando 200. Poucos días despois os deputados do BNG Francisco Jorquera e Ana Pontón preguntábanlle por escrito ao Goberno polas razóns destes sobrecustos e a reposta vén de chegar. A Xunta atribúe as desviacións, entre outras razóns, a factores a priori tan previsibles en Galicia como a "xeoloxía" ou o mal tempo.

Nun contexto no que, no propio 2011, Alberto Núñez Feijóo proclamou que a política de infraestruturas do seu Goberno estaría presidida pola "austeridade e a eficiencia", a Xunta comeza xustificando estes sobrecustos do 31% explicando que "todos e cada un dos reaxustes de gasto e de prazo" se "realizan conforme a dereito". Asemade, agrega, "o 47,6%" dos 85 expedientes que o Consello de Contas toma como mostra "foron licitados antes de 2009" e o 52,38% restante, despois. "Trátase -evidencia- de medidas recollidas na lei de contratos do sector público para facer fronte aos imprevistos que xorden durante a execución das obras" e "no caso de Galicia, hai que ter en conta" algúns "condicionantes", como "unha xeoloxía moi complexa cun sistema hídrico moi abondoso", a "frecuente aparición de afeccións a elementos arqueolóxicos non inventariados" ou "as circunstancias meteorolóxicas, que condicionan as obras".

Adxudicacións por 152 millóns remataron custando 200

Se ben é certo que Contas cita estes factores como causas dalgúns dos sobrecustos non o é menos que en moitos dos expedientes as modificacións nos contratos se produciron por motivos ben diferentes. Así, por exemplo, o prezo do acondicionamento dunha estrada en Negreira disparouse un 50% para, entre outros aspectos, "adaptar as interseccións oas criterios da instrución de accesos da Dirección Xeral de Obras Públicas, "evitar un poste de Fenosa" ou "executar novos camiños para dar acceso a fincas particulares". Noutra obra, a construción do enlace de Curro coa autovía do Salnés, desviouse o custo un 36% pola "necesidade de dispor de desvíos de tráfico pola presenza nos terreos dunha serie de industrias mineiras", e un 20% máis pola variación do "deseño do enlace para axustarse ás condicións da actividade industrial da zona". Asemade, o prezo subiu un 4% a causa da "corrección" dun "erro nas medicións dos firmes".

A Xunta alega que xa puxo en marcha medidas para evitar os sobrecustos

Así e todo, o Executivo obvia estas circunstancias para centrarse en que "tal e como recoñece o Consello de Contas, dende o ano 2009 a Xunta adoptou as medidas necesarias para reducir ao mínimo os sobrecustos das obras públicas", tales como "endurecer as condicións para o cálculo das baixas temerarias", isto é, evitar que as empresas fagan ofertas a prezo reducido malia saber que non o poderán cumprir, ou fixar un "indicador de obrigado cumprimento e que se está a cumprir, cuxo obxectivo prioritario é reducir as desviacións orzamentarias positivas no desenvolvemento das infraestruturas". Deste xeito, afirma, os sobrecustos reducíronse uns 20 puntos a respecto do mandato do bipartito de PSdeG e BNG.

"Os proxectos complementarios non se producirían se os orixinarios estivesen ben estudados", di Contas

Aínda que Contas admite a posta en marcha destas medidas lánzalle reproches á Xunta que van alén da súa explicación. Boa parte das modificacións contractuais, razoa o organismo, non responden a imprevistos e polo tanto "deberían ser previstas no proxecto orixinal" de cada obra se a Consellería "aplicase a dilixencia requirida, de acordo coa boa práctica profesional, na elaboración do proxecto e na redacción das especificacións técnicas". "Os proxectos complementarios non se producirían se os proxectos orixinarios estivesen ben estudados e fosen completos", agrega o informe, que salienta ademais que "en ningún suposto consta que se esixisen responsabilidades aos autores do proxecto" polas devanditas desviacións.

Feijóo e Hernández, nunha visita a unhas obras © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.