A Xunta atribúe ás prioridades da sociedade que unha ex-alcaldesa do PP reciba 180.000 euros europeos para un negocio hoteleiro

A ex-alcaldesa de Melide Dalia García Couso nunha visita a unhas obras co conselleiro de Medio Rural, José González, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego di que é o Grupo de Desenvolvemento Rural do que forma parte a ex-rexedora de Melide e diversas entidades sociais quen fixa os seus criterios e que a Xunta só supervisa que os proxectos seleccionados cumpren a normativa

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) son entidades sen ánimo de lucro das que forman parte socios públicos e privados como instrumento de “participación da sociedade rural” no reparto dos fondos europeos Leader, pensados para estratexias e programas de desenvolvemento rural que “se definen no propio ámbito local do territorio”, “de abaixo cara arriba”. En Galicia hai 24 GDR e o de Ulla-Tambre-Mandeo seleccionou como proxecto subvencionable con 177.000 euros a rehabilitación dunha edificación para pensión rural no Camiño Primitivo cun orzamento total de 381.000 euros “posto en marcha pola ex-alcaldesa, actualmente concelleira do PP en Melide”, Dalia García Couso, segundo denuncia o PSdeG. 

A política popular é a secretaria do GDR en representación dunha asociación veciñal, e diversos cargos populares ou persoas ligadas a eles ocupan boa parte da xunta directiva da entidade, segundo veñen de salientar os socialistas no Parlamento, onde preguntaron á Xunta pola súa valoración desta situación. A resposta, por boca da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, é que a Xunta limítase a supervisar que as axudas concedidas polos GDR cumpren as prioridades de desenvolvemento rural establecidas previamente polos propios GDR en representación da sociedade. “É o GDR e non a Xunta quen propón a concesión dunha axuda Leader”, insistiu Santé. 

A ex-alcaldesa do PP en Melide Dalia García Couso nun acto do GDR coa súa antecesora na alcaldía e despois conselleira de Medio Rural e Medio Ambiente Ángeles Vázquez CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Cada GDR ten os seus propios criterios para seleccionar os proxectos”, dixo a directora xeral no Parlamento, e engadiu que a Xunta “limítase a comprobar que os proxectos seleccionados polo GDR cumpren” cos criterios e prioridades establecidos previamente polos propios GDR. Neste caso, engadiu, “a axuda aínda non está adxudicada, fáltanlle fases de tramitación, en concreto a da Xunta”.

Nada respondeu a directora xeral sobre a valoración da Xunta a respecto dos outros proxectos que foron rexeitados en lugar do da ex-alcaldesa popular. “A Xunta nin supervisa nin fai valoración” dese proceso, dixo Santé.

O PSdeG considera unha "absoluta falla de ética" a concesión da axuda por un GDR supostamente representante da sociedade da comarca no que a metade da directiva é do PP ou está ligada ao partido

Pola súa banda, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo considera o ocorrido no GDR unha “absoluta falla de ética” e dubida de que a entidade estea a cumprir cos requisitos para os que foi concibida como representación e interlocutora social. Ademais de que varios cargos da xunta directiva do GDR estean ocupados por políticos populares en representación dos seus concellos, os socialistas salientan que das 11 vogalías “que teoricamente deberan representar a asociacións civís”, “na realidade 5 son concelleiros e concelleiras precisamente do PP, e outra máis é cónxuxe doutro representante municipal daquel partido”. 

A resposta da Xunta no Parlamento foi que dos 24 GDR que hai por toda Galicia cada un organízase como considera para dar cabida á representación municipal ou social e que hai grupos presididos tamén por alcaldes do PSdeG ou do BNG.

Xunta directiva do GDR Ulla Tambre Mandeo coa ex-alcaldesa e secretaria da entidade no centro á esquerda © GDR Ulla Tambre Mandeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.