A Xunta atribúelle á "dinámica do mercado" as dificultades e peches de medios en galego

Feijóo, con parte do seu equipo de comunicación e varios conselleiros © Conchi Paz

O Estatuto de Autonomía establece que "os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial" do galego e do castelán ao tempo que "potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa". A Lei de Normalización Lingüística fixou en 1983 o precepto de que "o Goberno galego prestará apoio económico e material aos medios (...) que empreguen o galego de xeito habituale  progresivo". En 2004 o Plan Xeral de Normalización da Lingua afondou nestas ideas encomendándolle á Xunta medidas como "alentar a formación de pequenos grupos" de comunicación "comprometidos coa plena normalización" do idioma, "realizar acordos cos diarios de maior tirada para ir aumentando a presenza do galego" e "subvencionar" a "produción" de contidos en galego "a cambio dunha porcentaxe" e non "a priori". O Executivo autonómico ten, polo tanto, a obriga legal de fomentar o galego no ámbito xornalístico dende hai tres décadas, pero agora matiza tal obriga.

A pasada semana o gabinete que dirixe Alberto Núñez Feijóo respondeulle ao BNG unha pregunta escrita que formulara a finais de maio "sobre a garantía da presenza dos medios de comunicación galegos e en galego" nas axudas da Secretaría Xeral de Medios "destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2013". Nesa orde de axudas, como informou Praza Pública, a Xunta rebaixa o peso da lingua propia por terceira vez dende o retorno do PP ao poder. Así, criterios como a audiencia, o uso do galego e a promoción da identidade galega pasaron de ter un peso idéntico a seren desequilibrados ata o punto de que a utilización do idioma propio de Galicia caeu a un 25% e a promoción identitaria, ao 2%. Pero o Executivo explica o panorama en termos de libre mercado.

O Estatuto, a Lei de Normalización e o PXNL obrigan a Xunta a promocionar o galego nos medios

Na súa resposta o Goberno evidéncialle ao Bloque que "o sector da comunicación non é alleo á conxuntura económica de crise que se está a vivir e que afecta á maior parte dos sectores produtivos" e, "polo tanto, aínda que hai un esforzo económico por parte da Administración autonómica para garantir o mantemento dos medios de comunicación que utilizan o galego, o certo é que o contexto no que actualmente se están a desenvolver, a súa xestión e estrutura, a propia dinámica do mercado e a demanda dos cidadáns teñen abocado a estas empresas a unha situación de dificultade económica que, nalgúns casos, provocaron a desaparición ou peche dos mesmos", xustifica nun documento no que figuran varios erros gramaticais e ortográficos.

O Goberno apóiase na "estabilidade orzamentaria" para reducir o peso da lingua galega no reparto de axudas

Non obstante, di a Xunta, o "escenario desfavorable" que estamos "a sufrir" non vai impedir que que o Goberno "continúe coa súa política de axudas aos medios que escriben integramente en galego en soporte papel ou dixital, tratando de manter as medidas de carácter económico". Nesta explicación Medios céntrase en lembrar que existe unha "liña de axudas" para "empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego" e réstalle importancia á caída do peso do idioma no reparto das axudas. Trátase, afirman, dunha "rebaixa mínima" despois de que en anos anteriores "se fixeron esforzos para non aplicar ningún tipo de axuste". A causa do que definen como "pequeno descenso" vén dado, segundo o executivo, pola "redución na achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística", un recorte aprobado polo mesmo Goberno en aras "do obxectivo final de estabilidade orzamentaria".

Feijóo, con parte do seu equipo de comunicación e varios conselleiros © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.