A Xunta autoriza a Erimsa a extraer cuarzo de 200 hectáreas de uso agrícola en Mesía

Imaxe de Erimsa sobre o tipo de extracción de minerais que realiza en terras agrícolas © Erimsa

O Goberno galego só permite á empresa que explote leiras cuxos propietarios llas aluguen de xeito voluntario e obriga a devolvelas “listas para o seu uso agrario” no ano seguinte

A Xunta vén de emitir a súa autorización a nivel ambiental para que a empresa mineira Erimsa extraia cuarzo dunhas 200 hectáreas actualmente dedicadas a uso agrícola no concello de Mesía. Farao a un ritmo dunhas 7,5 hectáreas ao ano cunha técnica coa que retira as capas superiores de terra e, tras peneiralas para obter delas o cuarzo, volve depositar sobre o terreo 92% do escavado. O Goberno galego establécelle á empresa que as parcelas sobre as que actúe cada ano “se entregarán restauradas conforme ao proxecto e listas para o seu uso agrario”.

O posible impacto da extracción mineira sobre esas terras agrícolas suscitou unha importante oposición na zona. Agora a Xunta, ademais de diversos condicionantes ambientais, establece que “só se explotarán aquelas leiras nas que exista previo acordo cos propietarios das mesmas, en consonancia coa renuncia expresa da empresa explotadora ao dereito de expropiación forzosa que a lei outorga aos titulares dunha concesión mineira”.

Autorización ambiental para a explotación de Erimsa en Mesía CC-BY-SA Praza Pública

As parcelas afectadas deixarán de computar para as axudas europeas da PAC durante o tempo que nelas se desenvolvan as actividades mineiras

Erimsa, que xa vira como un proxecto similar para a Terra Cha fora rexeitado, conta con permisos de investigación mineira en varios milleiros de hectáreas da comarca de Ordes, o que activou a alarma nunha zona cunha importante produción agrogandeira e motivou que se presentasen máis de 200 alegacións contra o proxecto. Finalmente a autorización ambiental de explotación recíbea por unhas 200 hectáreas, sobre as que actuará a un ritmo dunhas 7,5 ao ano que se compromete a devolver propietarios en perfecto estado para que poidan retomar as actividades agrícolas ao ano seguinte. Entre os condicionantes que agora lle fixa a Xunta, ademais de que só poida acceder ás parcelas que voluntariamente lle aluguen os propietarios, impedindo as expropiacións, está o de que non poderá actuar en leiras dedicadas a agricultura ecolóxica e que as afectadas deixarán de computar para as axudas europeas da Política Agraria Común (PAC) durante a campaña en que nelas se desenvolvan as actividades mineiras. 

A nivel ambiental, ademais de diversos condicionantes para evitar que os traballos afecten aos ríos, obriga a respectar as árbores frondosas autóctonas, mesmo as illadas, impedindo os traballos a unha distancia mínima de 5 metros arredor de cada tronco ou ata onde cheguen as copas das árbores se estas son maiores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.