Erimsa nega que a súa actividade mineira prexudique os terreos

© Erimsa

A pasada semana o SLG denunciou en rolda de prensa o "risco" que ao seu xuízo supoñían os proxectos mineiros que pretende desenvolver a empresa norueguesa Erimsa nos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes na procura de cuarzo. O sindicato alertaba do dano que estas prospeccións infrinxen nos terreos, pois "os terreos explotados quedan inservibles para a actividade gandeira" porque "ao extraer o mineral, que é o elemento que lle confire estrutura ao solo e permite a drenaxe de auga, os prados non volven producir forraxe ao 100% até pasados uns oito anos como mínimo e calquera precipitación de choiva, por pouca que sexa, transforma o terreo nunha lameira impracticable para o gando maior e o acceso de tractores".

A empresa asegura que "ningún terreo perde rendemento" e que "a gran maioría" mesmo "melloran a produtividade"

Este xoves Erimsa difundiu un comunicado no que afirma que os seus traballos non provocan danos nos terreos. A empresa sinala que leva 30 anos extraendo cuarzo en Frades, Mesía, Ordes e Oroso (nun total de 1.600 hectáreas) mediante un sistema de alugueiro temporal de terras "sen que se producira incidente ningún" e "convivindo coas explotacións agrícolas e gandeiras". A compañía, que forma parte da norueguesa Elkem AS, integrada á súa vez na multinacional chinesa Blue Star, explica que leva a cabo os traballos "sen canteira ou oco de explotación permanente" e "garante a recuperación total do terreo para o seu uso anterior nun mínimo prazo de tempo". Asegura que "ningún terreo perde rendemento" e que "a gran maioría" mesmo "melloran a produtividade".

O SLG convocou unha asemblea aberta este xoves na Casa de Cultura de Xanceda (Mesía). Alerta de que o proxecto pon en risco a existencia de 200 granxas gandeiras e 500 empregos directos

A empresa sinala, finalmente, que no permiso de investigación Xanceda levará a cabo a extracción de mineral en 210,22 hectáreas de terreo e que aínda non pode determinar a superficie que abranguerá a área de extracción nos tres restantes permisos de investigación dos que dispón nestas comarcas "posto que esta información só se pode obter unha vez que se realicen as prospeccións oportunas".

O Sindicato Labrego Galego convocou unha asemblea aberta este xoves 23 de marzo ás 22 horas na Casa de Cultura de Xanceda (Mesía) para informar as persoas afectadas e granxas sobre a etapa na que se atopa o proceso e asesorar na redacción e presentación de alegacións. O SLG sinalan que o proxecto de Erimsa pon en risco a existencia de 200 granxas gandeiras e 500 empregos directos, creando unicamente 8 postos de traballo indirectos.

 

© Erimsa
© Erimsa
Distintas fases dos traballos de extracción © Erimsa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.