Parlamento de Galicia. A apenas corenta e oito horas do 8 de marzo, xornada de referencia na reivindicación dos dereitos das mulleres, o BNG formula unha pregunta sobre a contrarreforma da lei do aborto que impulsa o Goberno central. Despois de que tanto o Bloque como as demais forzas da oposición apenas lograsen uns poucos lugares comúns ao preguntarlles ao respecto ao presidente e ao vicepresidente da Xunta, Carme Adán lanzoulle a mesma cuestión á responsable política máis directamente competente no asunto, a secretaria Xeral de Igualdade. Visiblemente molesta, Susana López Abella deu en apelar ao respecto ás mulleres que deciden abortar, pero sen moverse un centímetro do discurso fiado polos seus xefes de filas.
Nunhas vésperas do oito de marzo marcadas polo azoute da violencia machista Adán lembrou a loita feminista por múltiples dereitos, tamén polo do aborto, para censurar unha reforma "innecesaria", asentada unicamente en "cuestións ideolóxicas de grupos reaccionarios" e que "implica un retroceso nun dereito básico" como é "a saúde sexual e reprodutiva". "Pídolle que non faga contestacións tipo Feijóo" e explique se o texto que abandeira Alberto Ruiz-Gallardón "pode ser mantido dende a perspectiva da igualdade".
A petición da parlamentaria nacionalista bateu na primeira curva. "A Secretaría Xeral coincide plenamente coa resposta dada polo vicepresidente da Xunta" e "coa valoración realizada polo presidente da Xunta", comezou López Abella, aludindo despois a argumentos consabidos como que "o anteproxecto non está aprobado" ou a que o gabinete de Mariano Rajoy busca "o equilibrio entre dous bens xurídicos: os dereitos da muller e os do concibido", "un tema dunha enorme complexidade política, xurídica e moral". Así e todo, asegura, "temos que respectar tanto á muller que decide abortar como á que decide seguir co seu embarazo".
Adán (BNG) reprocha que a responsable de Igualdade avale o "retroceso dun dereito básico"
"Pois respécteas, permita que non sexan perseguidas" nin "consideradas vítimas". "Simplemente -retou Adán- non modifiquen un texto", a actual lei, "que pode ser mellorable, pero que non está dando ningún tipo de problema". Quen ocupa un posto como a Secretaría de Igualdade ten que "actuar en conciencia", polo que, a xuízo da parlamentaria, os conservadores deberían "cambiarlle o nome" ao departamento, "porque non cren" nesa igualdade e "lexislan contra os dereitos das mulleres". "Sabe perfectamente" que os dereitos da muller e do concibido "non están no mesmo nivel", sinala. Polo tanto, reclamou, "a ver se é quen de dicirme por que ese proxecto que temos sobre a mesa conta coa aquiescencia de toda unha secretaria xeral de Igualdade".
López Abella censura que o Bloque pregunte "reiteradamente" polo aborto e conclúe que "non lle interesan" as políticas de igualdade
Ante o segundo cuestionamento López Abella non se limitou a ir polo libro do argumentario oficial, senón que deu en concluír que, se "unha señora deputada" como Adán pregunta "reiteradamente" polo aborto é que "outras cuestións fulcrais para a igualdade non lle interesan en absoluto". "Os debates son enriquecedores", agregou mentres medraba a indignación nas deputadas da oposición, pero nun "tema tan sensible coma este" o PP vai cortar polo san porque "existía un consenso entre todas a forzas políticas e rachouse cando o PSOE, sen telo anunciado, modificou unilateralmente a lei", asegura, aínda que Alianza Popular non apoiou a lei de 1985 e a reforma de 2010, que os socialistas si anunciaran no seu programa, saíu adiante por maioría absoluta. "Non dou crédito", reflexionou Adán tras escoitar a secretaria xeral.