En setembro de 2004 Alberto Núñez Feijóo xa sentaba no Consello da Xunta. Era, concretamente, vicepresidente do Goberno que presidía Manuel Fraga, o mesmo que promoveu a elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que recibiu o visto e prace unánime do Parlamento nese mesmo mes. Entre outras moitas medidas o PXNL instaba o Goberno a "garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade" en galego. En 2006 a coalición de PSdeG e BNG elevou a rango legal aquela recomendación, establecendo na Lei do Libro e da Lectura que a Xunta tería que "potenciar a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe". Oito anos despois, aquelas axudas están reducidas á mínima expresión.
O Diario Oficial de Galicia publicou este martes a orde coa que a Consellería de Educación convoca a orde de subvencións para a edición en galego de recursos didácticos curriculares. O departamento de Jesús Vázquez dota estas axudas cunha partida orzamentaria de 150.000 euros, un 40% menos que en 2013, cando o importe ascendeu a 250.000 euros. A caída é significativa a respecto do ano pasado pero convértese en espectacular ao botar a vista atrás, nomeadamente, ata a posta en marcha das axudas, no ano 2008. Neste caso, a caída supera o 85%.
As axudas, obrigatorias por lei, desplomáronse máis dun 85% dende o retorno do PP á Xunta
Na súa primeira edición estas axudas estiveron dotadas con 1,05 millóns de euros e en 2009 aconteceu o mesmo. En 2010, cos primeiros orzamentos de Feijóo en vigor, Educación comezou a facer funcionar a tesoira e deixou a dotación en pouco máis de 500.000 euros. Un ano máis tarde, en 2011, Política Lingüística convocou as axudas por 400.000 euros e tras varios meses de dilación suspendeu a convocatoria amparándose no "necesario equilibrio de ingresos e gastos". O Goberno prometeu volvelas convocar e así o fixo, pero restándolles 100.000 euros máis, ata os 300.000.
A dilación do ano 2011 serviulle á Xunta como argumento para non convocar as axudas en 2012. Cando regresaron, en 2013, perderan 50.000 euros máis e xa contaban só cos devanditos 250.000 euros. Neste 2014, entre mensaxes sobre recuperación económica e a fin dos "sacrificios", a liña descendente mantense, "sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias".