A Xunta convoca os funcionarios a negociar á hora das marchas contra os recortes

Persoal da Xunta corta o tráfico a carón de San Caetano CC-BY-SA Merixo

Unha mostra de "escaso talante democrático". É o que, en opinión das centrais sindicais, supón que o Goberno galego convoque a Mesa Xeral da Función Pública ou, o que é o mesmo, a xuntanza na que a Consellería de Facenda exporá os recortes que lle aplicará ao seu persoal, "case á mesma hora que as manifestacións" contra eses mesmos recortes. Esa rechamante casualidade é a que veñen de facer pública os representantes de Comisións Obreiras na Administración autonómica, que xa avanzan que non acudirán a unha convocatoria tras a que ven unha "pretensión da Xunta de boicotear as manifestacións".

"Non se trata dunha coincidencia ou dunha pura casualidade, senón dunha estratexia perfectamente calculada", aseguran dende CCOO, xa que a convocatoria está fixada dende "hai dous días, cando as manifestacións xa estaban convocadas". Ademais, abondan, "a hora habitual destas xuntanzas é pola mañá, pero neste caso sitúase ás 18:30", isto é, apenas hora e media antes do inicio das marchas que percorrerán as principais cidades e vilas do país convocadas, ademais de por Comisións, pola CIG e a UGT.

O recorte ao persoal da Xunta aplicarase este venres, nun Consello extraordinario

Neste escenario, o coordinador da área pública de CCOO en Galicia, Ramiro Otero, ve neste movemento de Facenda un episodio máis do "ninguneo" á Mesa da Función Pública que, reprocha, mantén a Xunta a respecto do que debera ser un "espazo de diálogo e negociación". "Estana desvirtuando, xa que en lugar de negociación pretenden convertela en puro trámite, limitándose a facer anuncios sen marxe de diálogo posible". Por este motivo o sindicato chama o persoal público a acudir de xeito "masivo" ás manifestacións. "Se non queren dialogar, vannos ter que escoitar", resolve.

O anuncio que neste caso se ía producir na xuntanza cos sindicatos xa o avanzaba horas antes o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, que concretaba ademais que a supresión da denominada "paga extra" de Nadal e as demais restricións para  persoal ao servizo da Administración. Tras presidir o Consello da Xunta pola ausencia do presidente, Rueda sinalaba que será este venres cando, nunha reunión extraordinaria do Goberno, se lle dea luz verde ao proxecto de lei para modificar as retribucións de funcionarios e persoal laboral, así como para aplicarlles aos soldos dos membros do Executivo a redución proporcional a unha paga extra, isto é, do 7%.

Mentres no exterior do complexo de San Caetano unha numerosa protesta rexeitaba os recortes, primeiro no interior do complexo e despois cortando o tráfico nunha avenida próxima, o titular de Presidencia aseguraba "respectar" as protestas "sempre que sexan polos cauces democráticos". "Entendémolo perfectamente", afirma, xa que as medidas do gabinete de Mariano Rajoy "non son agradables para quen as toma nin para que as ten que recibir", pero "tomas é necesario" como tamén o é, na súa opinión, "facer un esforzo de explicación e de transmitirlle a todo o mundo a necesidade de tomalas". Os recortes, en todo caso, conclúe, están provocados pola "situación herdada" do Goberno do PSOE.

 

Persoal da Xunta corta o tráfico a carón de San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.