A Xunta corríxese: publicar o DOG sairá case 20.000 euros máis caro

Captura da versión en pdf do DOG © Xunta

A Xunta seguirá a aforrar editando o Diario Oficial de Galicia (DOG) só en formato electrónico, aínda que menos. En xuño de 2010 a daquela Secretaría Xeral de Modernización, actualmente convertida en axencia, dispúñase a contratar un "servizo de análise, desenvolvemento e posta en marcha" do novo DOG electrónico, que viría substituír o boletín oficial en papel que, cada vez máis, convertía a Galicia nunha excepción no conxunto do Estado. Aquel servizo foi adxudicado en outubro do mesmo ano á empresa Indra Sistemas, que tivo ata febreiro de 2011 para concluír o traballo. Concluída a operación, a Consellería de Presidencia abordaba en marzo o derradeiro trámite, licitando a "preparación, composición, maquetación e publicación" do DOG. Para este contrato, o Executivo reservaba un máximo de 684.000 euros. Segundo os cálculos realizados polo Goberno naquela altura, a fin da edición impresa repercutiría nas arcas públicas en forma dun aforro medio anual de, aproximadamente, un millón de euros.

O incremento no prezo do DOG prodúcese sen que as condicións do servizo varíen a respecto do ano pasado

Pouco máis dun ano despois daquela primeira contratación o departamento que dirixe Alfonso Rueda vén de iniciar os trámites para contratar por segunda vez este servizo, dado que o primeiro contrato tiña unha vixencia dun ano. Desta volta o "servizo consistente na realización de traballos para a elaboración da edición electrónica" do DOG encarece. Nomeadamente, pasa dos 684.000 euros de 2011 a 703.504 euros. Inicialmente, o prego de condicións indicaba que, unha vez engadido o correspondente IVE, o prezo quedaría en 830.134 ou, o que é o mesmo, en case 150.000 euros máis. Non obstante, fontes da Xunta veñen de aclarar que esta indicación se trataba dun "erro" e que o IVE si está incluído. Polo tanto, o incremento é de 19.504 euros.

Esta suba de ata un 2,8% no prezo do DOG prodúcese sen que as condicións do servizo varíen substancialmente, a comezar polo prazo de execución, que "será de doce meses a partir da perfección do contrato, podéndose prorrogar, como máximo, por doce meses máis", isto é, como o pasado ano. Do mesmo xeito, os servizos a realizar pola empresa que se faga coa adxudicación son esencialmente os mesmos. Trátase de aboardar a "preparación, composición, maquetación, corrección e publicación" do DOG tanto na súa versión html como en formato pdf, ambas en galego e castelán. Tampouco varián as esixencias do cadro de persoal, que estará composto por un mínimo de 11 persoas "para a realización de labores de composición e maquetación" e "un mínimo de catro" para "correccións de estilo e cotexo galego/castelán". No ámbito lingüístico esíxense "coñecementos mínimos correspondentes a CELGA 3". O plantel complétase cunha persoa "para funcións administrativas.

Do mesmo xeito, a Xunta tampouco opta por seguir a estela de, por exemplo, o Boletín Oficial do Estado, e ampliar os días de publicación. Mentres que o diario estatal é publicado de luns a sábado, a saída do DOG seguirá a ser de luns a venres, agás festivos autonómicos, cando "a saída poderá producirse unicamente en circunstancias excepcionais". A Secretaría Xeral Técnica de Presidencia entregaralle á empresa adxudicataria "a documentación necesaria para a elaboración dos diarios", que será revisada polo Servizo de Tradución da mesma consellería. O peche do diario "deberá estar finalizado" antes das catro da tarde do día anterior á súa publicación e a empresa "deberá comprobar que a publicación está dispoñible e é correcta en internet" antes das oito da mañá "do día hábil seguinte".

 

Captura da versión en pdf do DOG © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.