"Apriorismos e localismos que non conducen a ningures". Estes son, para a Xunta, os únicos obstáculos que teñen por diante os tres aeroportos galegos para conviviren e seren rendibles. En pleno debate a nivel de Estado sobre o futuro dos aeródromos de futuro incerto, especialmente aqueles de menor dimensión, o director xeral de Mobilidade acudía este martes ao Parlamento para responder unha pregunta do PP sobre "o balance do número de pasaxeiros" nas tres terminais durante 2011, "a situación do actual sistema aeroportuario e do modelo de xestión elixido pola Xunta para acadar a súa competitividade". E Miguel Rodríguez Bugarín deixou claro que non haberá variacións, tampouco se os plans de Aena e Fomento seguen a liña de recortar, minimizar ou mesmo pechar os aeroportos que custan máis do que renden.
Para o alto cargo da Consellería de Infraestruturas resulta "difícil xustificar a defensa dun aeroporto en detrimento dos outros dous" se non se fai por criterios estritamente localistas. Isto, asegura, ficou demostrado no antigo Comité de Rutas, propiciado polo anterior Goberno central e no que, asegura, foi precisamente o "localismo" o que provocou que "non se puidese impulsar" dende A Coruña, Santiago e Vigo unha política aeroportuaria única para o "destino Galicia" isto, é para realizar o que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resumira a comezos de lexislatura como "un único aeroporto, tres terminais".
O director de Mobilidade coida que só o "localismo" permite "xustificar a defensa dun aeroporto en detrimento dos outros dous"
Malia ás caídas de tráficos e pasaxeiros dos últimos meses o titular de Mobilidade ve un "futuro certo" para a pervivencia conxunta de Lavacolla, Alvedro e Peinador nun conxunto no que, asegura, a dirección de Aena Aeropuertos e o seu propio persidente, José Manuel Vargas, defenden que "non ten sentido pechar aeroportos unha vez que xa foron construídos, aínda no caso dos aeroportos pequenos". Polo tanto, conclúe, "con máis razón está asegurada a continuidade dos tres aeroportos de Galicia".
Tampouco lle vale a Bugarín unha reformulación da política aeroportuaria asentada na gran proximidade entre as tres terminais unidas pola Autoestrada do Atlántico. Para isto o director xeral viaxa verbalmente ata Normandía, que "conta con cinco aeroportos, tres dos cales se sitúan nun radio de cincuenta quilómetros". "Non imos ver na proximidade dos nosos aeroportos a orixe dos seus males". Ben ao contrario, asegura, ter tres aeródromos en pouco máis de 150 quilómetros é "unha oportunidade", que permite atraer "máis viaxeiros potenciais" e mesmo competir con Sá Carneiro, no Porto. "Debe avanzarse cara á consecución dun sistema aeroportuario de Galicia, cun sistema de voos dentro dun mercado liberalizado", abonda. Non obstante, malia a esa aposta pola "liberalización" o responsable de Mobilidade avanza que "esta mesma semana" a Xunta "presentará o plan de campañas de promoción turística para potenciar e promocionar os aeroportos de Galicia".