A Xunta dálle un millón máis á orde relixiosa que di "salvar" persoas con discapacidade

Imaxe da residencia de Crecente CC-BY-NC-SA Esclavas

A "aposta da Xunta de Galicia pola atención á discapacidade" e por "mellorar a calidade de vida deste colectivo". É a xustificación oficial do Goberno galego para realizar unha nova achega económica á Casa Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey Esclavas de la Virgen Dolorosa, centro que xa veu subvencionando en anos anteriores malia incumprir ata catro normativas oficiais distintas para desenvolver este servizo. Se ben é certo que xa o Goberno bipartito lle achegou fondos a esta orde -20.000 euros para unhas reformas no seu centro de Mos a través dunha convocatoria aberta de subvencións por exemplo-, non o é menos que o actual Goberno o vén facendo a través de achegas directas, con conveninos que entre 2011 e 2013 superaron xa os 2 millóns de euros, aos que agora se engaden 1,08 millóns pero pola vía do contrato. Segundo a propia orde o seu labor non só é atender, senón tamén "salvar" as persoas que asisten.

Na súa reunión do pasado xoves o Consello da Xunta autorizou a Consellería de Benestar para destinar esta cantidade a un "procedemento negociado sen publicidade por exclusividade" coas devanditas Esclavas de la Virgen Dolorosa. Isto, segundo as normas que rexen a contratación pública, quere dicir que o Goberno galego decide contratar prazas de "atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual" porque non hai ningunha entidade ou empresa máis que realice este mesmo servizo, algo que semella difícil de aplicar neste caso, dadas as múltiples entidades con e sen ánimo de lucro que traballan neste ámbito.

A Xunta achégalles fondos a través dun contrato negociado sen publicidade e prevé chegar aos 8,4 millóns

Baixo esta fórmula a dedo a Xunta contrata, concretamente, 60 prazas que Benestar denomina como "públicas" e que lle saen ao erario por uns 18.000 euros cada unha. Todo semella indicar, ademais, que o Executivo prevé que o contrato sexa prorrogado en anos seguintes, toda vez que xa estima que lles achegará ás relixiosas arredor de 8,4 millóns de euros en exercicios futuros. A operación, segundo o Goberno, non fai máis que "dar continuidade á colaboración que se leva mantendo con este centro dende hai moitos anos".

"Salvar" persoas discapacitadas e "rehabilitar" nais solteiras

Malia ao carácter puramente técnico co que a Xunta presenta esta organización o certo é que unha ollada aos seus principios inspiradores permite concluír que o seu ideario vai moi alén do servizo a quen o necesita. Así, segundo a información publicada sobre o seu centro, que a orde sitúa en Creciente -en referencia ao concello de Crecente-, as monxas e demais persoal realizan unha "acollida, axuda e atención directa a cada nena segundo as súas propias necesidades" e "para salvalas non se escatima medio ningún". O obxectivo, din, é ofrecerlles unha vida "digna dentro das súas marcadas limitacións".

A congregación di seguir o "modelo supremo de apóstolo verdadeiro"

Se ben o centro de Crecente está especializado en persoas con discapacidade esta congregación explica que o seu "carisma fundacional" está encamiñado á "atención e rehabilitación das nais solteiras", ofrecéndolles "a capacitación para unha vida de traballo honrado". No caso das mozas "incapacitadas intelectualmente" a idea é "preservarlas de posibles perigos e salvagardar a súa dignidade humana e cristiana no ambiente de fogar das nosas casas". As Esclavas, explican, seguen o "modelo supremo de apóstolo verdadeiro" e todo o que fan, incluíndo o labor pagado con fondos da Xunta, encádrase no lema "Todo por Jesús y por las almas".

Imaxe da residencia de Crecente CC-BY-NC-SA Esclavas
Emblema da orde relixiosa © Esclavas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.