A Xunta desmantela a lingua tamén nos Orzamentos. Así de claro o ten a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL), que vén de analizar a proposta de presupostos para Política Lingüística do Goberno galego de cara a este 2013. A conclusión, cuantitaiva e cualitativamente, é demoledora. "A Administración recorta drasticamente, unha vez máis, os recursos, que caen a mínimos históricos e quedan reducidos á cuarta parte do que eran hai unha década e a un terzo do que eran hai vinte anos", destaca o colectivo.
"Os Orzamentos da Xunta para 2013 demostran que o Goberno só está disposto a dar pasos atrás no fomento da lingua, e fanino, ademais de xeito brutal", advirten, logo de debullar unhas contas das que Praza xa adiantou as súas consecuencias. O fomento do galego, desde a chegada de Feijóo ao poder, perdeu case o 70% dos seus fondos.
As partidas destinadas á normalización descenden case un 50% e as accións formativas un 30%
Porque tal e como lembra a CTNL na súa análise, "practicamente todas as accións da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) sofren un fortísimo recorte". Nalgúns casos superan o descenso do 60% con respecto ao ano pasado e do 90% con respecto a 2005, últimas contas aprobadas por Manuel Fraga. Por exemplo, as partidas destinadas a campañas de normalización -aquelas coas que se financian as actividades dinamizadoras- baixan case un 50% (-48,5%), mentres que as accións formativas (coas que se financian os cursos e exames de galego Celga necesarios para o acceso laboral), descenden nun 29% e os proxectos do ensino un 25%.
De facerse unha comparación co ano 2005, as caídas "son moito máis brutais": -52,4% para accións formativas, -46,8% para a daministración local, -60% para centros educativos, -79,2% para editoriais ou -92,4% para entidades sen fin de lucro.
Os orzamentos de Política Lingüística neste ano non chegan aos 6 millóns, fronte aos 17,2 de hai vinte anos con Fraga
A terrible diminución de fondos para o fomento do galego compróbase máis claramente se se comparan con épocas anteriores, incluso con outras onde a situación económica era tamén complicada. Os orzamentos de Política Lingüística para 2013 supoñen 5,7 millóns de euros e, xa que logo, máis dun 66% inferiores aos de 1993, onde chegaban aos 17,2 millóns durante o goberno de Manuel Fraga, pero tamén en época de crise e recisión.
De dedicárselle á lingua a mesma porcentaxe orzamentaria que en 1993, os fondos chegarían aos 40 millóns, 34 máis que os propostos para 2013
Así, mentres hai vinte anos a Administración dedicáballe á lingua o 0,43% do total dos Orzamentos, o Goberno de Feijóo tan só lle quere dedicar menos da sétima parte, un irrelevante 0,06%. "Se neste ano se lle dedicase á lingua a mesma porcentaxe orzamentaria de hai vinte anos, a cifra que lle correspondería estaría próxima aos 40 millóns de euros, cando a realidade é que non chega aos seis", lembra a CTNL.
Para a Coordinadora, este "duro golpe" chega logo de que se confirmase tamén qeu a SXPL "volverá estar relgada na Consellería de Cultura e Educación, sen posibilidade efectiva real de acción transversal en todos os ámbitos e sectores, como o empresarial, as novas tecnoloxías, a xustiza, a administración pública ou a sanidade".
A CTNL pide que o proxecto de Orzamentos "se modifique no Parlamento para que non se desmonte o xa precario traballo a prol da lingua galega"
Para a CTNL, "é cada vez máis evidente o desmantelamento que o Goberno fai do fomento do galego", incluso de maneira simbólica. Segundo denuncia, a Xunta ocutla cada vez máis o nome da SXPL detrás de etiqueta Educación e Cutlura en notas de presna, comunicados e actos. Ante este desmantelamento. a Coordinadora pide que o proxecto de Orzamentos "sexa modificado durante o trámite parlamentario" para que "non se desmonte así o xa precario traballo a prol do principal elemento que nos une como galegos e galegas, a nosa lingua propia".