A Xunta defende a campaña do millón de euros porque "apoia" aos medios galegos

Guerra, ante a prensa en presenza de Feijóo © Xunta

A crise económica provoca treboadas políticas inimaxinables hai poucos anos e tamén respostas pouco habituais. O inicio dos trámites por parte da Consellería de Industria para contratar, por case un millón de euros, unha campaña para transmitir unha imaxe "competitiva" de Galicia e "optimismo" ante a propia crise vén de ser un exemplo máis. No mesmo día en que esta contratación, que avanzou Praza Pública, comezou o seu percorrido ao ser publicada no Diario Oficial de Galicia, representantes da oposición parlamentaria e dos sindicatos esixiron a súa inmediata "retirada". E na mesma xornada a Secretaría Xeral de Medios, órgano dependente da Presidencia da Xunta que aglutina a política de comunicación do Goberno, saíu ao paso das críticas argumentando, entre outras razóns, que a acción publicitaria supón un "apoio" para os medios galegos.

A Xunta sinala que, malia os "momentos economicamente moi duros", non se debe "deixar desprotexidos os sectores empresariais nin ao sector publicitario e mediático"

Ante os reproches recibidos o departamento que dirixe Alfonso Cabaleiro sinala, nun comunicado remitido á prensa, que esta é "unha campaña necesaria" e "útil" que ademais se rexe "por criterios de transparencia -a Lei de Transparencia do ano 2006 obriga a isto-". Trátase, di a secretaría xeral, dunha "campaña pública, oficial" que "ao contrario do que facía o Goberno bipartito, non se esconde en mecanismos administrativos opacos". Do mesmo xeito, este organismo gobernamental asegura ser "consciente de que estamos nuns momentos económicos moi duros para todos", pero "iso non debe levarnos a deixar desprotexidos nin os sectores empresariais nin ao sector publicitario e mediático galego". "Unha publicidade clara, transparente e pública -abonda- é tamén unha forma de axudar ás empresas galegas, así como a eses dous sectores que están a sufrir como ningún a crise".

Sen mencionalos, a resposta de Medios prodúcese despois de que a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, considerase en rolda de prensa que é "indecente e inmoral" que "en plena crise, nun momento con recortes drásticos a toda a poboación" o Goberno "dilapide" un millón de euros "en publicidade e propaganda". Do mesmo xeito, dende a CIG valorouse esta operación de Industra como un verdadeiro "insulto", xa que "mentres rebaixan os salarios, as prestacións por desemprego e as pensións e suben os impostos", seguen a "gastar en campañas de autobombo para vender fume". Esta campaña en concreto, co "rimbombante título de Galicia competitiva", sinala o sindicato nacionalista, prodúcese mentres "o orzamento destinado a I+D" está "polo chan".

A enésima controversia en torno á política publicitaria do Goberno chega mentres a Lei de Publicidade Institucional, prometida polo Executivo dende o inicio da lexislatura, non remata de chegar ao Parlamento. O conselleiro responsable desta área, Alfonso Rueda, considerouna "urxente" no comezo do mandato e o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que formaría parte do paquete de vinte e tres leis co que aspira a pechar os catro anos de goberno.

Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.