A batalla xudicial era "preventiva". É o que cabe dedudir da explicación ofrecida este sábado polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, a respecto do recurso de casación da Xunta contra, cando menos, unha das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara "ilegais" varios dos piares do decreto do plurilingüismo. Despois de que a plataforma Queremos Galego fixese público que viña de recibir a notificación xudicial de que o Goberno galego ía tentar gañar no Supremo a pugna perdida no alto tribunal galego, Vázquez afirma que só tramitaron "un anuncio dun dereito".
"Para recorrer as tres primeiras" sentenzas que tomban parte do decreto -as que son resultado dos recursos de Queremos Galego, A Mesa e a CIG-Ensino- "había un prazo de tres días", di Vázquez, polo que, "con carácter preventivo" a Xunta fixo ante o Tribunal Superior "un anuncio en previsión" de que máis adiante poidan presentar un recurso contra as sentenzas que, segundo vén asegurando o propio conselleiro dende hai semanas, son interpretadas dende a Xunta como un aval á súa propia normativa lingüística. "Inicimos os trámites para ter o dereito" de recorrer que "despois, chegado o momento, exerceremos ou non", asegura Vázquez.
"Ha ser a primeira vez que alguén que di que gaña unha sentenza decide recorrela", ironizan dende Queremos Galego
Mentres o titular de Educación matizaba dende Pontevedra o inicio da súa batalla xudicial ante o Supremo a plataforma Queremos Galego reunía o seu plenario en Compostela. O voceiro do colectivo e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, aproveitou a asemblea para valorar as sentenzas contra o decreto "do mal chamado plurilingüismo" e, nomeadamente, a "capacidade para mentir dos gobernantes da Xunta" quen "mentres queren engnar a sociedade dicindo que gñaron as sentenzas, están a recorrelas nos tribunais", afirma. "Ha ser a primeira vez na historia en que alguén que di que gaña unha sentenza decide recorrela", ironiza a vicepresidenta d'A Mesa, Susana Méndez.
Neste contexto, Callón lamenta que o PP se manteña na teima de querer "garantir o inverosímil dereito a non escoitar galego na escola". "Se conseguen iso que ninguén se estrañe de que o seguinte paso que poida forzar o núcleo dirixente deste partido será inventar o dereito a non escoitar na escola a teoría da evolución". Pero "non existe o dereito á ignorancia" porque á escola "vaise para aprender", evidencia, unha circunstancia que non é compatible, ao seu xuízo, coa "progresiva redución do idioma propio no sistema educativo, até convertelo en estranxeiro no propio país en moitísimos centros".