O pasado 7 de maio o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, remitía unha instrución interna aos diversos departamentos da Administración autonómica. Tal e como ten relatado Praza Pública o obxectivo dese documento era advertir da entrada en vigor, nesa mesma xornada, dun dos recortes derivados da lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público, o que diminúe a remuneración do persoal ao servizo da Xunta mentres unha baixa laboral lle impide acudir con normalidade ao seu posto de traballo. Un mes despois da entrada en vigor desta norma o propio Barreiro acudía este mércores ao Parlamento para responder unha pregunta do BNG, que o cuestionaba polo "aforro" que derivou ata o momento da aplicación do conxunto da lei e, polo tanto, tamén das normas sobre incapacidade temporal. O director xeral centrouse nos datos referidos ao primeiro trimestre do ano ou, o que é o mesmo, en meses nos que a instrución sobre incapacidade aínda non existía. Malia isto, ofreceu datos de aforro.
Barreiro asegura que o aforro en materia de incapacidade temporal chegou case aos 4 millóns de euros
Sinala o alto cargo da consellería de Presidencia que "nos tres primeiros meses de 2012" o que equivale a falar só do mes de marzo -en xaneiro e febreiro a lei aínda non estaba en vigor- o "aforro aproximado" dos recortes ao funcionariado e ao persoal laboral foi "de 12 millóns de euros". Tras este enunciado xenérico Barreiro foi por partes e detívose en explicar "cal foi o aforro das medidas previstas na incapcidade teporal". "Logrou no primeiro trimestre 1,5 millóns de euros" no ámbito da Función Pública e "2,4 millóns no ámbito do Sergas". En total, polo tanto, case catro millóns de euros de euros que se terían deixado de gastar en virtude dunha normativa que, segundo a propia documentación interna da Administración, ainda non estaba vixente.
Sen deterse nesa instrución concreta o voceiro do BNG no debate e autor da pregunta, Alfredo Suárez Canal, considerou as explicacións de Barreiro propias dunha Xunta "instalada en buscar un titular". "Estamos falando da aplicación da lei e vostede me fala do aforro do primeiro trimestre do ano", reprochou. "Hai dous meses nos que a lei non existía" e, polo tanto, "antes da lei, a incapacidade temporal, a enfermidade dun funcionario ou dun persoal laboral non lle producía ningún aforro, porque tiña que pagar o soldo enteiro". "Se un señor enfermaba, a Xunta tiña que antes da lei lle tiña que pagar o 100%". Non así coa nova regulamentación, cando o pagamento completo só se produce a partir do vixésimo día de baixa.
Días da baixa | Complemento a cobrar |
---|---|
Do 1 ao 3 (primeira baixa do ano) | 50% |
Do 1 ao 3 (segunda baixa do ano) | 40% |
Do 1 ao 3 (terceira baixa do ano) | 0% |
Do 4 ao 20 | 75% |
Do 20 en diante | 100% |
Suárez Canal: "Como hai contestación social e unhas eleccións no horizonte non se lles toca aos interinos"
Outra das cuestións que Suárez Canal solicitaba coñecer era o aforro vinculado á redución de xornada do persoal interino, que segundo a lei de medidas temporais pode chegar por dúas vías: solicitude voluntaria do traballador ou traballadora ou unha decisión do Consello da Xunta. "A data de hoxe non se practicou ningunha redución de xornada en funcionarios interinos nin en persoal laboral temporal", sinala Barreiro. "Esta era unha medida de carácter excepcional, que se habilita ao Goberno para aplicar ou non".
Sobre este asunto Suárez Canal ten claro o diagnóstico. "Como hai contestación social importante e unhas eleccións no horizonte non se lles pode tocar aos interinos", asegura o parlamentario do Bloque, nun contexto no que, na súa opinión, as medidas de recorte "teñen unha marxe de aplicación ou outra" en función dos intereses políticos do Goberno. "Vostedes, nas cousas comprometidas, non nos queren dar datos", resolve.