Nin unha, nin dúas, nin tres... A Xunta Electoral vén de reprender o Goberno galego por novena vez logo de que volvese incumprir a Lei Electoral (Lorex), desta vez pola visita do conselleiro de Medio Ambiente ao concello da Estrada co fin de anunciar o proxecto de urbanización da Cidade do Moble, o pasado 8 de outubro.
O PSdeG urxe “a toma de medidas drásticas canto antes” para “rematar cunha intolerable burla á Lei"
É, xa que logo, a novena vez que o Executivo galego incumpre a lei, o que leva ao PSdeG a solicitar á Xunta Electoral de Galicia que traslade á Fiscalía "o reiterado incumprimento da Lei Electoral por parte de Feijóo e os membros do seu Goberno". Así, Pablo García, secretario de Organización dos socialistas, urxe “a toma de medidas drásticas canto antes” para “rematar cunha intolerable burla á Lei” por parte do candidato do PP e do Executivo.
García advirte que “dende que comezou a campaña electoral non pasou un só día sen que os galegos coñecesen unha mentira, unha irregularidade ou unha nova falsidade por parte de Feijóo”, logo de apuntar que “os cidadáns saberán sancionar esta conduta irregular o día das eleccións”.
Para o responsable socialista, o reiterado incumprimento da Lorex confirmado por cada unha das sentenzas “constitúe un delito electoral que nin pode nin debe ser tolerado”. Por este motivo, García deu traslado hoxe á Xunta Electoral das que hoxe mesmo suman seis resolucións nas que este órganos lle dan a razón ao PSdeG en cadansúa denuncia contra o Goberno galego polo reiterado incumprimento da norma.
A Xunta Electoral de Galicia admitiu esta nova denuncia e volveu esixirlle ao goberno galego que se "absteña de realizar actos prohibidos pola Lei Electoral". Pablo García reclamoulle á Xunta Electoral que requira do Executivo que deteña xa estes actos, “toda vez que están sendo constantemente reiterados pola Xunta de Galicia”.
"É alarmante e de extrema gravidade", denuncian os socialistas galegos
O responsable socialista considera “alarmante” e “de extrema gravidade” que a Xunta teña xa seis sentenzas en contra por outros tantos actos ilegais denunciados polos socialistas galegos, ao que se engaden dous máis denunciados polo BNG. Para o PSdeG, o PP "trata de pasar por habitual o incumprimento da Lei” e subliñou que “as ilegalidades cometidas pola Xunta de Galicia non poden ser habituais e dende logo son intolerables”.
Esta é a novena infracción que comete a Xunta en pouco máis dun mes. Concretamente, desde que o 27 de agosto foran convocadas as eleccións, Xunta Electoral Central xa ordenara retirar a polémica información sobre a sinatura do acordo con Pemex para a construción de dous buques hoteis en estaleiros galegos, tamén tivo que eliminar da web oficial unha noticia na que se vertían acusacións contra o alcalde de Lugo, unha campaña de Benestar sobre o Decálogo de dereitos das persoas maiores, así como a campaña de publicidade Paisaxe galega, unha tarefa de todos ou a visita do conselleiro Jesús Vázquez a un colexio. Ademais, o Executivo foi repredndido polo acto de presentación dos novos axentes da Policía Autonómica ou a visita da conselleira de Sanidade ao hospital de Vigo.
O responsable socialista lémbralle de novo ao candidato do PP que “ten a obriga e a responsabilidade de cumprir coa legalidade” e critica a “estratexia artellada polo PP para utilizar o Goberno galego en función dos seus intereses electorais”.
García sinala que as advertencias “serias e contundentes” do órgano electoral deberían “mover a reflexión” ao candidato do PP e ao seu responsable de campaña, que ademais é o conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia. Reitera que Alfonso Rueda debera dimitir “para evitar sospeitas sobre o uso partidista dos medios da administración pública galega”.
O PSdeG volve pedir a dimisión de Alfonso Rueda, que dirixe a campaña do PP á vez que é conselleiro da Presidencia
Apunta que “quen é responsable do operativo electoral no goberno é responsable da estratexia electoral do PP”, o que “xera serias e fundamentadas dúbidas a limpeza no proceso electoral”. Esixiulle de novo que siga o exemplo do conselleiro de Interior do goberno vasco, Rodolfo Ares, quen cesou das súas actividades para dedicarse a coordinar a campaña electoral.
A normativa vixente establece que durante o período electoral os poderes públicos non poderán realizar ningunha campaña institucional que atenten contra os principios de obxectividade e transparencia do proceso electoral e de igualdade entre os actores electorais, principios que deben ser efectivamente garantidos pola Administración electoral.
Engade ademais que se prohiben calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente polos poderes públicos que conteñan alusións ás realizacións ou aos logros obtidos.