"A Xunta está a paralizar as sancións até que pasen os comicios"

Edificios administrativos de San Caetano © Xunta

A CIG acusou o pasado luns o PP de “utilizar os recursos dos que dispón a Xunta para facer campaña a favor do partido”. Tal e como denunciaba a través dun comunicado, a central nacionalista advirte da "parálise" que se dá en moitos departamentos da Administración galega que traballa, segundo tamén fontes consultadas por Praza, "ao ritmo e en función da campaña electoral".

"Apúranse ou demóranse expedientes segundo lle compense ao Goberno e ao PP"

"Aquí non se asina nada". Esa é a frase que, segundo a CIG, se escoita nos últimos días pola maioría consellerías do Goberno, que coida con detalle que expedientes se aceleran e cales se frean no traballo administrativo de aquí ao vindeiro 21-O. "Apúrase ou demórase segundo lle compense ao Goberno e ao PP", explican fontes sabedoras das denuncias dos traballadores públicos, que chegan aos sindicatos de forma verbal, ante "o risco e o compromiso excesivo" que suporía elevar unha denuncia formal e escrita en tempos nos que o traballador público séntese sinalado.

As mesmas fontes, e a propia CIG, pon algún exemplo de expedientes paralizados en plena precampaña electoral e que, nestes casos, teñen o obxectivo "de non crear mala imaxe nin amolar de máis a cidadanía" a pouco máis dun mes para as eleccións autonómicas. Así, e segundo puido saber Praza, paralizouse unha campaña que tiña previsto levar a cabo a Consellería de Economía e Industria e que consistía en inspeccionar o funcionamento das básculas nalgún mercado municipal. Unha inspección que implicaría tamén o pago de taxas ou pequenas multas no caso de comprobarse algunha irregularidade. "Deste xeito, paralizan as sancións até que pase o período electoral", aseguran as mesmas fontes.

Detívose unha campaña Industria de inspección nos mercados e outra sancionadora da Consellería de Cultura

Algo semellante ocorreu xa na Consellería de Cultura, que ten paralizados expedientes sancionadores referentes ao patrimonio cultural, algúns deles no que ten que ver co Camiño de Santiago. "Non sancionarán polo momento, estano atrasando todo", explican, algo que, detallan, "pódese comprobar se se bota unha ollada ao DOG, onde non se atopará ningún destes procesos sancionadores que antes si existían". De feito, a propia CIG-Autonómica denuncia na súa web que se ten paralizado a toma de posesión do persoal veterinario "até despois das eleccións" porque "non vaia a ser que se perdan un puñado de votos no rural pola diminución dos servizos veterinarios nas oficinas agrarias".

Pero da mesma maneira que se deteñen expedientes, tamén se aceleran algunhas notificacións "que poidan ter unha repercusión positiva entre a sociedade". Así, as mesmas fontes explican que hai academias privadas que xa anuncian a convocatoria de futuras prazas na Administración, un dato que chega tras o anuncio aos traballadores públicos do cronograma previsto para os procesos selectivos en Galicia antes de fin de ano, malia que nada estea concretado. "É a forma de poñer un caramelo".

Tal e como denuncia a CIG, a Xunta centra estas ordes "electorais" nos "postos designados a dedo" e a través dunha "estrutura xerárquica moi marcada" pero con consignas que "evidentemente veñen de moito máis arriba". Entre os traballos encargados, tamén elaborar informes nos que se compara o período do Goberno bipartito co actual de Feijóo, "logo de pasalos pola depuradora ideolóxica do PP para favorecer os seus intereses e atacar a oposición".

A CIG denuncia tamén a elaboración de informes "manipulados" e comparativos entre o Goberno bipartito e o Goberno Feijóo

O sindicato nacionalista, tal e como fixera nun comunicado, destaca que “calquera partido gobernante” emprega os recursos que lle dá o Goberno para facer propaganda ao seu favor, pero aclara tamén que o Partido Popular “é un mestre nisto” e que “agora tócalle a el”. "Teñen moi controlada a Administración porque acumulan moitos anos ela; incluso a controlaban cando gobernaba o bipartito, que non soubo rachar coa estrutura que o PP montara nela", engaden agora.

Por todo isto, a CIG xa fixo “un chamamento” aos funcionarios públicos para que “denuncien calquera tarefa que lles queiran impoñer e que non sexa a estritamente relacionada cos Servizos Públicos” e recordan que o capítulo VI do Estatuto do Empregado Público regulamento os deberes dos empregados públicos e o deber de velar polos intereses xerais de acordo cos  principios de obxectividade, neutralidade e imparcialidade. Ademais, piden aos traballadores que se son requiridos para facilitar “datos sospeitosos” ou reciben “instrucións que teñen que ver coa campaña electoral”, o denuncien ao sindicato, que sabe tamén que facer públicas estas irregularidades servirá de "campaña preventiva" para evitar que o uso partidista que denuncian na Administración continúe nas vindeiras semanas. "Queremos que a Xunta funcione para o cidadán e non para un partido", engaden.

Do mesmo xeito, a central nacionalista advirte á Xunta de que “calquera orde ou instrución que constitúa unha infracción manifesta do ordenamento xurídico pode e debe ser denunciada”.

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.