Evitar unha "duplicidade de procedementos". É o argumento que utiliza a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) para evitar apercibir o Concello da Coruña pola queixa presentada ante un cidadán, que reclamara que os rótulos, sinais e demais informacións do transporte urbano da cidade estivesen escritos en lingua galega, algo que tampouco acontecía cos anteriores gobernos locais. O departamento que dirixe Valentín García vén de ofrecer esta explicación en resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG, que o pasado outubro censurou que a SXPL, daquela encabezada por Anxo Lorenzo, se "inhibise" diante deste "caso de evidente discriminación lingüística", dado que na Coruña, argumentan os deputados nacionalistas Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, se produce a "plena exclusión do idioma galego" nestes servizos.
Neste contexto, os parlamentarios cuestionaron á Xunta a respecto da súa "inhibición", preguntándose se "o feito de que o denunciante" acudise "tamén ao Valedor do Pobo invalida calquera actuación dende o poder político Executivo". As preguntas eran respondidas polo departamento autonómico o pasado día 21 a través dun documento no asegura "non terse inhibido" neste caso, "senón que atendeu a queixa formulada por un cidadán segundo o procedemetno habitual". "En varias ocasións, este departamento estivo en contacto, vía correo electrónico, co autor da queixa" quen, ademais, admite, "completou datos en varias ocasións".
Con todo, a SXPL sinala que, tras recibir a reclamación, tivo "constancia" de que o propio veciño da Coruña "dirixira a mesma queixa" ao Valedor, polo que optou por "evitar a duplicidade "e "arquivou" o seu escrito. Do mesmo xeito, o departamento dependente da Consellería de Educación advirte tamén de que o mesmo cidadán cursou tamén a súa queixa ante o goberno de Carlos Negreira e, "de acordo ao establecido, puido reclamar os seus dereitos ante un órgano de protección de dereitos e, de ser o caso, tamén pode recorrer á vía contencioso-administrativa".
"Non procede a tramitación simultánea de dous procedementos", para "garantir os dereitos lingüísticos do interesado", abonda Política Lingüística que, neste escenario, se limita a salientar que expresou "o agradecemento ao cidadán por ter posto en coñecemento a situación e tamén se lle comunicou que os servizos" da SXPL "están á súa disposición". A Secretaría Xeral, conclúe, "seguirá o resultado que se derive da investigación deste caso, ao fin de adoptar as medidas oportunas", conclúe. En todo caso, non haberá apercibimento directo ao Concello coruñés.