A Xunta exclúe as visitas dentro do Estado ao informar o Parlamento das súas viaxes oficiais

Feijóo, con Aguirre en Cercedilla (Madrid), en abril de 2010 © Xunta

Sevilla, para participar nun foro no que falou sobre a crise, Valladolid, para asinar un protocolo de colaboración, Barcelona, para participar nas festas do San Froilán de Nou Barris e, sobre todo, Madrid, para múltiples actos. Son só algúns dos exemplos das visitas realizadas polo presidente da Xunta a outras autonomías ao longo do ano 2010 e incluídas no seu momento dentro da axenda oficial de Alberto Núñez Feijóo. Aínda que no momento de producírense o Goberno galego deu detallada conta destes actos a través dos seus servizos de comunicación o Executivo vén de amosar un menor grao de detalle ao ser cuestionado na vía parlamentaria pola axenda exterior de Feijóo e os seus conselleiros ao longo. Nomeadamente, ao responder unha pregunta do PSdeG obvia todas as visitas dentro das lindes do Estado.

A pregunta, presentada o pasado xaneiro polo voceiro socialista en materia institucional, José Manuel Lage Tuñas, non solicitaba coñecer as visitas a ningún destino en concreto, senón o cómputo global. Deste xeito, en dous documentos Lage interesouse por "cantas viaxes institucionais ten realizado o conxunto do Goberno galego" durante o primeiro e o segundo semestre de 2010, especialmente activo en canto á axenda exterior por, entre outros motivos, ser o primeiro completo do novo Goberno e cadrar ademais coa celebración do Xacobeo.

O 2010, ano do Xacobeo, foi especialmente prolífico en actividade institucional do Goberno dentro do Estado

Non obstante, a resposta gobernamental computa unicamente 19 viaxes, todas ao estranxeiro. Así, sinala o Executivo que "ao longo de 2010 o presidente e membros do Goberno galego" realizaron "no seu conxunto", unha viaxe a Bos Aires, "sete a Bruxelas, unha a Estrasburgo, dúas a Lisboa, unha a Luxemburgo, unha a México, dúas a Nova Iorque, unha ao Porto -Oporto na resposta orixinal-, unha a Venezuela, unha a Viana do Castelo e unha a Xenebra". Nesta mestura de Estados e cidades fican obviadas, polo tanto, as visitas a outras comunidades autónomas.

Na mesma resposta a Consellería da Presidencia subliña ademais a existencia do Código Ético Institucional "para regular as viaxes oficiais ao exterior dos cargos da Administración autonómica", feito público a comezos de 2011, durante unha viaxe privada de Feijóo ao Brasil que recibiu abondosas críticas dende a oposición, que só ten categoría de recomendación. A Xunta, di o departamento que dirixe Alfonso Rueda, "converteuse no primeiro Goberno en definir parámetros concretos na realización destas misións internacionais, baixo criterios de máxima eficiencia e austeridade.

"Cómpre indicar que, en consonancia co obxectivo de máxima información pública e rendición de contas establecido no devandito documento, a Xunta comparece puntualmente en cada período de sesións para informar e explicar a axenda e os obxectivos" e os "resultados" das viaxes. Así e todo, tanto PSdeG como BNG teñen reprochado en diversas ocasións que esas comparecencias non as protagonice o presidente no pleno da Cámara -adoita realizalas o director xeral de Relacións Exteriores nunha comisión parlamentaria- cada vez que realiza unha viaxe relevante, segundo o costume instaurado por Emilio Pérez Touriño durante o seu mandato.

 

Feijóo, con Aguirre en Cercedilla (Madrid), en abril de 2010 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.