A Xunta exclúe expertas en igualdade para dirixir o centro contra a violencia machista

O vicepresidente e a secretaria de Igualdade, Susana López Abella © Xunta

A lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada en 2007, contempla no seu artigo 49 a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero. O Goberno de coalición de PSdeG e BNG puxo en marcha en 2008 o expediente para a creación deste centro que, tras múltiples tirapuxas co Concello de Santiago e unha longa tramitación, vai abrir as súas portas neste 2014. O centro non é exactamente como o concibira o bipartito, coa diferenza fundamental de que só atenderá as vítimas das agresións machistas de xeito ambulatorio e non residencial. Esta é unha das primeiras críticas que recibiu a Secretaría Xeral de Igualdade recibiu ao respecto dun centro que agora se atopa baixo a sombra da dúbida polo procedemento que o Goberno está a seguir para nomear a súa primeira directora.

O pasado xaneiro o vicepresidente da Xunta, de quen depende organicamente a Secretaría de Igualdade, asinaba a convocatoria para a selección da persoa que dirixirá o centro. Nese momento, sindicatos como a CIG xa alertaron da posibilidade de que as condicións do decreto promulgado por Alfonso Rueda fosen "irregulares", toda vez que "contempla que poida ser cuberto por persoal alleo á Administración" aínda que "se trata dunha unidade encadrada na Administración xeral", concretamente en Igualdade. Atendo á Lei de Administración promovida polo actual Goberno, ao tratarse dunha unidade administrativa non habería lugar a contratar persoal directivo alleo, senón que habería que seleccionar persoal laboral ou funcionario.

A Xunta deixa fóra da lista de persoas admitidas varias tituladas en Psicoloxía

Partindo desta dubidosa base, a Vicepresidencia inclúe entre os aspectos a valorar para seleccionar a directora que as aspirantes realizasen "cursos de formación en materia de igualdade, xénero, violencia de xénero ou materias equivalentes", así como másteres ou cursos de posgrao na mesma materia. No entanto, entre os requisitos para o posto figura tamén "estar en posesión de titulación superior universitaria en ramas de coñecemento de arte e humanidades ou ciencias sociais e xurídicas". Fican fóra, polo tanto, titulacións como Psicoloxía, Educación Social ou Traballo Social, carreiras con formación específica en materia de igualdade.

Erro da Xunta e petición de explicacións

A partir destas bases, hai escasos días Igualdade publicaba a primeira lista de aspirantes admitidas no proceso de selección, deixando fóra ata nove tituladas en Psicoloxía por encadrarse esta carreira no ámbito das ciencias da saúde. Non obstante, esta adscrición só se produce "dende que existe o grao de Psicoloxía", explica unha das afectadas, xa que todas as titulacións anteriores a esta nova regulamentación están enmarcadas, precsiamente, no ámbito das ciencias sociais". Na Universidade de Santiago, por exemplo, o nome completo do título era "licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación, sección Psicoloxía".

O Goberno terá que responder se "a praza tiña nome e apelidos dende o inicio do proceso"

Estas exclusións só serviron para alimentar aínda máis as sospeitas dos sindicatos e de parte das persoas que optaban ao posto, en cuxa opinión a Xunta deseñou unhas bases "á medida" dun determinado perfil profesional. As protestas chegaron tamén á oposición política, concretamente á voceira do BNG en materia de Igualdade, Carme Adán, que vén de rexistrar no Parlamento unha batería de preguntas para tentar aclarar o que está a acontecer. "Todo apunta -di Adán na súa iniciativa- a un interese por parte do Goberno por dirixir a praza para un perfil", limitando así " a libre concorrencia de persoas formadas e con experiencia" no ámbito da violencia machista.

As bases, subliña Adán, "esquecen a importancia da formación específica en igualdade e violencia de xénero, que xa existe e está recoñecida por diferentes universidades". Pero, aínda máis, resulta "incríbel" a exclusión "de persoas que posúen a titulación de Psicoloxía", porque isto é sinónimo de que Igualdade "descoñece a legalidade vixente de homologación de títulos universitarios". Así as cousas, a Xunta terá que responder "por que optou por incumprir a lei" na convocatoria da praza, "por que se eliminan titulacións determinantes na natureza do centro" e aclarar se "a praza xa tiña nome e apelidos dende o inicio do proceso". Ao tempo, a Secretaría Xeral terá que aclarar "por que o centro está centrado no ámbito xudicial, cando a propia lei o circunscribe ao apoio e protección" e "por qeu se eliminou o seu carácter residencial".

O vicepresidente e a secretaria de Igualdade, Susana López Abella © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.