A Xunta gasta máis dun millón de euros en publicidade nunha semana, segundo a CIG

Resolución publicada no DOG © Xunta

1.160.000 euros nunha semana. Son os cartos que, segundo a CIG, a Xunta gastou a pasada semana en dúas campañas publicitarias, das que se beneficiaron algúns medios de comunicación. A CIG amósase preocupada por "esta clase de gastos nos que se di que se fai ou que se vai facer sen que realmente sexa certo ou que haxa detrás o investimento público necesario para conseguilo" e denuncia que "á sociedade galega pídeselle esforzos e máis esforzos e o único que se lle da a cambio é fume". Conclúe que "é o noso deber como traballadoras e traballadores públicos denunciar esta clase de gastos e pedir que non se detraian máis cartos dos servizos públicos galegos para esta clase de campañas publicitarias desproporcionadas cuxo único obxectivo resulta ser a autopromoción do goberno da Xunta".

En concreto, a campaña publicitaria Galicia Emprende da Consellaría de Economía e Industria, aparecida o 15 de xullo no DOG, reserva 434.000 euros para pagar a inserción dos anuncios en prensa, radio, TV, páxinas web e valos; 75.000 euros para a parte creativa, deseño e produción da campaña e 10.000 euros en concepto de comisión de axencia. A campaña durará ata finais de ano e consiste en “impulsar o talento galego e a innovación empresarial como claves para recuperar o crecemento”.

A outra campaña foi publicada o 17 de xullo e depende da Consellaría de Traballo e Benestar. Destinará 640.000 euros até marzo do 2014 buscando "a sensibilización para a dinamización demográfica de Galicia". Reserva 565.853,66 euros para pagar a inserción dos anuncios en medios; 60.000 euros para a parte creativa, deseño e produción da campaña e 14.000 euros en concepto de comisión de axencia. Esta campaña publicitaria enmárcase dentro do Plan de dinamización demográfica que foi aprobado no Consello da Xunta o pasado 5 de abril.

En maio a Xunta admitiu un gasto de 25 millóns en propaganda dende a chegada de Feijóo, máis de 40 millóns se temos en conta o gasto en propaganda do Xacobeo.

Este asunto xa chegou ao Parlamento, da man do BNG. Carme Adán interpelou o Goberno a respecto da campaña publicitaria para a dinamización demográfica e cualificou de “política do absurdo” iniciar esta campaña cando o mesmo departamento "é responsable da suba dos prezos das escolas infantís, da redución do seu horario ou de limitar moitos dos seus servizos”. Adán engade que “é moi difícil de entender” o animar á maternidade e paternidade "cando as dificultades económicas cada vez son maiores e os servizos públicos son condenados ao austericidio reiterado".

Resolución publicada no DOG © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.