A Xunta insire nos orzamentos unha reforma para expandir explotacións forestais polo país

Plantación de eucaliptos no Ortegal CC-BY-ND Pierre Peetah

A Lei de medidas fiscais e administrativas anexa ao proxecto de Orzamentos para o vindeiro 2017 -a denominada lei de acompañamento- volve servir de funil á Xunta para introducir importantes modificacións normativas. Aproveita este adxunto dos presupostos para con outra prórroga rescatar as licenzas de televisión ás empresas que as incumpren ou para introducir relevantes modificacións na Lei de Montes de Galicia. 

A Xunta introduce modificacións na Lei de Montes para permitir máis ocupación do territorio con repoboacións forestais

Con dous cambios claves introducidos na lei, o Goberno galego aposta por máis ocupación do territorio con repoboacións forestais. Son as modificacións no artigo 48 e 67 da Lei de Montes as que insisten nun modelo de espallamento forestal, tal e como denuncia En Marea, que lembra que Galicia xa é "un país con dous terzos de chan con aproveitamento forestal e cunha superficie agraria útil, moi necesaria para manter un agro con futuro, en continuo declive". Concretamente, dúas terceiras partes da superficie galega son terreo forestal, de pasteiro ou mato e tan só o 23% son terras de cultivo ou prado.

Malia iso, a Xunta propón cambios que, como no caso dese artigo 48, aclara que os aproveitamentos forestais no solo rústico de especial protección agropecuaria "rexeranse" pola Lei de Montes e precísase tamén, no apartado 3, que en todas as categorías de solo rústico -en todas as categorías ás que se refire a Lei do Solo de Galicia de 2016 e non só as de protección agropecuaria- o aproveitamento forestal rexerase tamén, como noma xeral, pola devandita lei. "En todo aquilo en que non se lles aplique a súa normativa específica", aclara. 

En Marea denuncia a "expansión irracional de especies para producción forestal de baixo valor"

Ademais, esta "expansión irracional de especies para producción forestal de baixo valor", como denuncia o viceportavoz de En Marea Antón Sánchez, acentúase na modificación do artigo 67 que se refire ás "condicións que deben cumprir as repoboacións forestais". Os cambios introducidos supoñen máis terreo para uso forestal ao permitir a reforestación do solo urbanizable correspondente a sectores clasificados urbanisticamente como solo urbanizable pero aos que en aplicación da disposición transitoria primeira da Lei do Solo se lles aplica o réxime do solo rústico; xa que logo, solo urbanizable non delimitado, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvol­vemento urbanístico dos concellos que non teñan o planeamento adaptado á lexislación urbanística vixente (Lei 9/2012), que son a maioria.

A Xunta poderá agora aprobar reforestacións e plantacións de especies non incluídas na lei en ámbitos sen plans de ordenación de recursos forestais aprobados

Introduce así o permiso para que nos ámbitos territoriais nos que non existan plans de ordenación de recursos forestais aprobados, a Xunta, mediante decreto, poida aprobar a xestión, as reforestacións e as novas plantacións de especies forestais non incluídas nos modelos silvícolas previstos no artigo 76.3 da Lei.

En Marea denuncia que deste xeito se introduce ex novo un "novo instrumento de xestión forestal, o modelo silvícola orientativo cuxo contido delégase na Conselleria mediante unha simple orde". "Por se fose pouco, os devanditos modelos orientativos quedan eximidos da aplicación dos artigos 80, 81 e 82 da Lei de Montes, que son os que regulan o procedemento de aprobación e os efectos dos outros tres instrumentos de ordenación forestal", engade. 

Para En Marea, as disposicións desta lei convirten "en papel mollado" o acordado simplemente no Plan Forestal Galego, un documento que a formación considera “moi insuficiente e non atinado, o que é simplemente unha tomadura de pelo democrática cando nin se respectan os instrumentos de planificación forestal continuadamente“.

 

"É afondar na desastrosa política forestal do PP"

Segundo insiste En Marea, esta modificación vía lei de acompañamento da Lei de Montes "é un xeito de eludir o debate e a a participación social e política neste asunto de tanta trascendencia" e acusa a Xunta de "introducir pola porta de atrás cuestións trascendentes que van no sentido de afondar na desastrosa política forestal que impulsa nos últimos anos o PP". "Para o Goberno galego, Galiza é case todo todo monte, onde pode plantarse o que se queira e cada vez máis", censura. 

En Marea denuncia a introdución "pola porta de atrás" de cambios que "afondan na desastrosa política forestal do PP"

En Marea acusa o PP de "traballar unha vez máis para o monopolio papeleiro e para establecer e xeneralizar a producción enerxética a través da biomasa cuns modelos insostibles dende o punto de vista enerxético e ecolóxico, depredadores a  ivel ambiental e cun alto nivel especulativo". "Non é o modelo que precisa este país, que conta cun potencial enorme para crear riqueza e emprego cuns modelos baseados en especies que poidan xerar moito máis valor e emprego", remata. 

Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea no Parlamento CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.