"Eu non che digo que marches, pero aí tes a roupa". Este refrán podería ser aplicable á disxuntiva que a Consellería de Educación lles formula ás universidades galegas tras a presentación dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2013. Despois de que, nos últimos días, as institucións académicas viñesen denunciando a redución duns 20 millóns de euros no seu financiamento estrutural para o novo ano Jesús Vázquez chegou ao Parlamento para asegurar que non está a aplicar nada que non estea "asinado polos reitores". O plan de financiamento de 2010 "recolle cláusulas" que lle permiten aplicar o recorte, polo que as universidades veñen ter dúas opcións: recortarlles os salarios aos docentes ou manter as remuneracións, pero despedir profesorado.
Como o resto do orzamento, as contas de Educación "contribúen ao obxectivo irrenunciable de reducir o déficit, cumprindo co teito de gasto", advirte Vázquez. Nesta liña, a dogma do déficit leva a que "a evolución da masa salarial" universitaria sexa "equivalente ao axuste na administración autónómica". Polo tanto, os reitores deben optar: "diminución de efectivos ou retributiva". As condicións "xa foron comunicadas" ás universidades de Santiago, A Coruña e Vigo "e non teñen por que supoñer perda de docentes". Branco e en botella. Non obstante, o conselleiro pide "rigor". Os dirixentes universitarios non deben "atribuírlle á Xunta decisións que corresponden á autonomía universitaria".
"Tentan forzar as universidades a despedir persoal?", preguntou retoricamente o voceiro do PSdeG na comisión, Vicente Docasar, para quen a Xunta está "incumprindo o plan de financiamento" ou "cando menos, interpretándoo de maneira torticeira". Do mesmo xeito, o socialista advirte de que no propio texto articulado dos Orzamentos está incluída a que pode ser a nova medida de impacto para o estudantado unviersitario: "Din que a diminución" de cartos públicos "débese ao incremento dos novos prezos de matrícula". Isto, di, "lévanos a pensar en que pensan en incrementar de maneira brutal as taxas" para qe "só poidan chegar aos fillos e fillas de familias pudentes". "Pensan recuperar a perda de financiamento coa suba de taxas?", cuestionou Docasar, que aproveitou a súa segunda quenda de intervención para transmitirlle ao conselleiro preguntas formuladas por diversos representantes da comunidade educativa.
O conselleiro de Educación insta as universidades a optar por unha "diminución de efectivos ou retributiva"
"É certo" que os fondos universitarios "diminúen 20 millóns como consecuencia da diminución de retribucións e do incremento das segundas e sucesivas matrículas", admite o conselleiro. En todo caso, Jesús Vázquez resolve o contencioso acusando "o Partido Socialista" de "non coñecer os acordos cos equipos reitorais". Ademais, en todo caso, resolve, a Xunta está a "cumprir un Real Decreto".
Críticas aos recortes e ao Gaiás
A preocupación polos recortes non se cingue á universidade. Así, dende AGE o seu voceiro, Ramón Vázquez, lamenta que Vázquez "semelle máis o conselleiro de Economía, cando o seu labor debera ser partir o lombo pola educación pública". A Consellería de Educación, di está a funcionar como unha "embaixada da barbarie" que o mesmo aplica un "lingüicidio", coa diminución de fondos en Política Lingüística, que elimina profesorado interino en cumprimento da normativa estatal. "Quen vai asumir a responsabilidade se lle pasa algo a un neno nos 15 días que unha mestra de infantil se ten que facer cargo de 50 nenos", pregúntase, para exemplificar a non cobertura de baixas.
A oposición censura o contraste entre os recortes ao ensino e as achegas á Cidade da Cultura ou á Fundación Cela
A censura aos recortes e o contraste destas estreiteces co "enterramento de millóns de euros" na Cidade da Cultura chegou tamén dende o BNG, representado por Cosme Pombo na sesión. Educación, di o nacionalista, está "no podio dos recortes" do conxunto do Goberno, perdendo "153,6 millóns de euros". Mentres, lamenta, a Xunta si reserva cartos para "unha fundación que era privada, que tiña un buraco enorme" e á que se lle deu "máis dun millón de euros para poñela a flote", en referencia á Fundación Cela. "Aquí si que aparecen orzamentos", reprocha.
O conselleiro acusa a PSdeG, AGE e BNG de "afundir a educación coas súas críticas"
A petición de explicacións por parte da oposición foi retrucada tando dende o Executivo como dende o PP con apelacións á "responsabilidade" pero tamén á xestión de gobernos autonómicos como o de Andalucía ou de Asturias, omnipresentes no debate, especialmente nas respostas ao grupo de AGE, pola presenza de Esquerda Unida no Goberno da Junta andaluza. Sempre segundo o conselleiro, neste contexto non caben críticas porque "nas comunidades socialistas e progresistas" existen "maiores taxas de fracaso escolar". Mentres, en Galicia, o ensino "é cada vez máis público", asegura, polo que a oposición debe elixir entre apoiar a Xunta ou "seguir afundindo o ensino público coas súas críticas".