A Xunta láiase da caída de ingresos pero rexeita subir impostos ás rendas altas

Muñoz, nun intre da súa comparecencia © Parlamento de Galicia

Cumprir o déficit e amortizar débeda. Amortizar débeda e cumprir o déficit. Son as prioridades, con independencia da orde na que se sitúen, que o Goberno galego marca ao presentar os primeiros Orzamentos do segundo mandato de Alberto Núñez Feijóo. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, inaugurou este mércores no Parlamento as comparecencias para tramitar as novas contas públicas e a responsable das finanzas autonómicas mantívose impasible ante o aluvión de peticións de cambio de rumbo. Nun ton case doutrinal cunha certa dose de laído Muñoz constatou que os cartos públicos dispoñibles "foron reducíndose dende 2009" e "xa puxemos de manifesto que iso foi como consecuencia da importantísima caída de ingresos". Pero o Executivo non procurará novas vías para ingresar máis cartos, o seu único "convencemento" é "a consolidación fiscal", isto é, "controlar o déficit".

No marco da comisión parlamentaria de Orzamentos a conselleira declarouse "aberta ás suxestión dos grupos, pero sempre que sexan propostas realistas e adaptadas á realidade económica de Galicia" isto é, á política económica do Goberno, veu dicir. "Ata agora, o que recibimos" ten "un impacto recadatorio que non creo que vaia solucionar moito os nosos problemas". O que "recibiu" o goberno foi, esencialmente, un paquete de propostas encamiñadas a subirlles os impostos ás rendas altas e ás institucións financeiras. Pero ningunha delas callou en San Caetano.

"Di que tivo que reducir gastos porque se reduciron os ingresos; tamén podía aumentar os ingresos e non o fixo", constatou o socialista Juan Carlos González Santín. "Poderían establecer un imposto gravando os depósitos da banca", achegou tamén o nacionalista Carlos Aymerich, quen ademais lembra que "agora que o Estado establece ese imposto con tipo cero, vai haber autonomías que van ser compensadas e Galiza non, porque é moi leal" ao Estado, ironiza. "Din que se reducen os ingresos pero, por que se reducen? Que política fan vostedes para evitalo?", preguntouse dende AGE Xosé Manuel Beiras, para quen a Xunta actúa como se fose "nun autobús costa abaixo cara ao inferno" e "en vez de pisar o freo, pisan o acelerador".

"Vostedes non queren razoar", reprocha Beiras ante a negativa a gravar as grandes fortunas, porque "lles importa un nabo a maioría social". A Xunta, di, "fai como os cirurxiáns antigos", con "sangrados" que remataban por "matar" os pacientes, neste caso por cinguirse aos "corsés de chumbo" do "teigo de gasto, o tope do déficit" e a devandita "priorización do pagamento da débeda". Neste escenario, di, prodúcese un "culmen da aberración" xa que, atendendo ás leis autonómicas e estatais, aínda no caso de acceder a captar máis ingresos, estes "non poderían destinarse a servizos aos cidadáns, senón ao servizo da débeda", que é tanto como "pagarlle á plutocracia no canto de servir á cidadanía".

PSdeG, AGE e BNG reclaman máis tributos para as rendas altas e novos impostos á banca que segundo a Xunta non serían ningunha "solución"

"Dígannos se van gravar as entidades de crédito!", reiterou sen éxito Aymerich, que en nome do BNG censura que "a nacionalización da débeda privada" impregne o conxunto do orzamento mentres se "recorta o gasto social", un feito máis grave aínda despois da "desaparición da obra social das caixas", advirte. "Hai dous modelos: un no que o señor Amancio Ortega graciosamente doa 20 millóns de euros a Cáritas e outro, no que o señor Amancio Ortega ten que pagar polo seu patrimonio, como nun país civilizado". Isto, augura, non se vai producir e, aínda por riba, di, isto non servirá para evitar a intervención das finanzas autonómicas: "ao final do túnel a luz que vemos non é a saída, é a do tren que nos vén de fronte", isto é, o Fondo de Liquidez Autonómica.

Unha visión ben distinta é a que ten o voceiro do PP, Pedro Puy, en cuxa opinión non só "estamos no bo camiño", senón que ademais a Xunta presenta uns orzamentos cunha "filosofía manifestamente social" mentres aposta por amortizar débeda "para que cando haxa menos, se poida gastar". "Van á volatilización da escasa e precaria autonomía financeira e polo tanto, política", repuxo Xosé Manuel Beiras, quen coida que a Xunta rematará por ficar sen función ningunha. "Van quedar sen choio; gaivotas en terra, mariñeiros á merda", conclúe.

Santín, voceiro do PSdeG CC-BY-SA Praza Pública
Beiras, nun debate parlamentario recente CC-BY-SA Praza Pública
Aymerich, voceiro do BNG no debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.