A Xunta decide enlamarse nunha batalla xudicial. A Consellería de Educación vén de presentar un recurso de reposición contra o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no que o órgano xudicial dá un mes ao Goberno para que aplique dunha vez as sentenzas sobre o decreto do plurilingüismo que anulan dous artigos claves da norma e que prohíbe que o reparto de materias entre idiomas se determine polo resultado dunha enquisa entre as familias e que elimina a suposta liberdade de que nenos e nenas falen o idioma que consideren oportuno con independencia da lingua na que se imparta a materia.
O TSXG advirte á Xunta no seu auto que ten o prazo "improrrogable" dun mes para cumprir coas súas obrigas, que considera que non foron satisfeitas e sinala que xa pasaron máis de dous meses dende que ditaminou a ilegalidade parcial do decreto e que non lle "consta" que a sentenza fose "executada totalmente". Educación pensa xusto o contrario, entende que xa cumpriu co ordenado e argumenta a presentación de recurso "para aclarar e demostrar a puntual aplicación da norma", baseando a súa reclamación "na falta de audiencia á Xunta de Galicia ante os recorrentes". Mentres, o Goberno teima en distribuír como "enquisa" a polémica consulta lingüística que o TSXG advirte de que non debe ter validez ningunha.
Educación lembra que xa deu instrucións aos centros para "respectar escrupulosamente as decisións da xustiza"
Educación lembra que ditou unha instrución aos centros na que se "respecta escrupulosamente as decisións da xustiza", pola que se fundamenta a determinación da lingua predominante do alumnado en función dunha pregunta non vinculante aos pais, a realidade sociolingüística da contorna e a garantía de presenza das dúas linguas cooficiais como vehiculares.
"A Consellería entende que dita apreciación de que non lles consta o suposto cumprimento pode estar baseada no feito probable de que o TSXG non teña en conta que días atrás se emitiu a instrución correspondente, precisamente en estrita e escrupulosa aplicación dos fallos ditados no seu día polo citado tribunal", asegura Educación, que defende que as alegacións contra o auto están fundadas en que non lle foi outorgada á Xunta audiencia sobre o escrito da contraparte.
Ademais, considera "incorrecto" o auto, porque se unha sentenza anula uns artigos dun decreto non hai execución en si, nin, por tanto, denuncia de inexecución, porque o ditame firme xa os expulsa do ordenamento xurídico". "E a Administración aceptouno e asumiuno", sinalou. A Xunta non cansa e volve defender a súa enquisa e asegura que o envío aos centros do cuestionario para as familias de educación infantil coa pregunta sobre a lingua "non é contrario á sentenza" ao non tratarse dunha consulta "vinculante", senón dun factor máis, e lembrou que existe un "mandato legal" de coñecer a lingua materna dos escolares nesa etapa educativa.
A Xunta aproveita o recurso para cargar contra CIG e A Mesa por "confundir as familias e o alumnado"
A Consellería de Educación aproveita tamén para cargar contra a CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística por "confundir as familias e o alumnado sobre o auténtico cumprimento da sentenza".
Queda saber cal é a resposta do TSXG, que xa avisara á Xunta no seu auto que se poderían "adoptar as medidas necesarias para lograr" a "efectividade" da anulación dos artigos do decreto, xunto á advertencia de que se "poderán impoñer multas coercitivas de 150 a 1.500 euros ás autoridades, funcionarios ou axentes, sen prexuízo doutras responsabilidades patrimoniais ás que haxa lugar". Do mesmo xeito, o Tribunal resérvase a potestade de "deducir o oportuno testemuño de particulares para exixir a responsabilidade que puidera corresponder", derivada da actuación de Educación.
"Aceptamos as sentenzas, aceptamos os autos e as decisións xudiciais", aclarara Feijóo ao pouco de coñecer o auto do TSXG. "A Consellería de Educación mirará ese auto e adecuará, conforme ao que nese auto se concrete, unha vez asesorados coa Asesoría Xurídica", advertía o presidente da Xunta, que "entende" que o Tribunal tan só di "que esa enquisa non pode ser vinculante" e dende a Xunta "simplemente preguntamos".
O establecemento dunha "casilla" para marcar no "sobre de matrícula" a lingua do ensino foi unha das promesas estrela de Alberto Núñez Feijóo na súa primeira campaña electoral autonómica, a mesma na que destacados dirixentes do PP galego saíron á rúa unha semana antes do inicio da carreira ás urnas para apoiar a manifestación da asociación Galicia Bilingüe. Despois de rebaixar esta pretensión, as enquisas que finalmente foron incluídas no decreto foron rexeitadas polo TSXG e, o pasado marzo, o propio Feijóo amosábase convencido de que "a sentenza non impide" realizar a sondaxe, senón que "sexa obrigatoria no seu resultado". "Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", adoita dicir. Unha vez máis, a Xunta teima en enlamarse nunha batalla xudicial e chegar até as últimas consecuencias coa lingua como protagonista.