A Xunta non activou fondos da UE para recuperar as Fragas do Eume malia dispor deles

Vista do incendio nas Fragas do Eume CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta pode ter un reforzo da Unión Europea en forma de cartos para recuperar o espazo das Fragas do Eume afectado polo incendio da pasada primavera. Pero non o fixo, cando menos polo momento. O comisario europeo de Medio Ambiente, Janez Potočnik, vén de confirmar que o Goberno galego non se dirixiu de ningún xeito ao Executivo comunitario para procurar fondos con este obxectivo, malia estar dispoñible un programa de axudas no que o proxecto encaixaría sen dificultades. 

Potočnik ratificou a ausencia de iniciativas da Xunta neste sentido en resposta a unha pregunta parlamentaria do eurodeputado do PSdeG Antolín Sánchez Presedo. Na súa iniciativa, o socialista subliñaba que as Fragas "carecen dun plan reitor para o seu uso" no que se conxuguen os "intereses da protección ambiental cos dos propietarios privados" e "tampouco foi obxecto, ata a data, da redacción dun proxecto para a súa rexeneración integral que poida ser proposto nas convocatorias do Programa LIFE. "Nin sequera -lamentou ante o comisario- se ten noticia de que a Xunta promovese medidas urxentes de restauración ambiental susceptibles de acollérense aos fondos europeos correspondentes ao piar de desenvolvemento rural" malia que, nomeadamente, o fondo Feader "ten un eixo de actuación en medidas de carácter ambiental polo que se obriga a utilizar, cando menos, un 12% do total dos fondos executados nese programa", o que para Galicia, di, equivale a "uns 100 millóns de euros".

"A Comisión pode confirmar que aínda non recibiu ningunha solicitude de financiamento para traballos de recuperación das Fragas do Eume"

Tras esta exposición de motivos Sánchez Presedo instou a Potočnika confirmar se chegara ás súas mans algún proxecto dende San Caetano. E a resposta foi negativa. "A Comisión pode confirmar que aínda non recibiu ningunha solicitude de financiamento ao amparo do programa LIFE para traballos de recuperación das Fragas do Eume", di. Do mesmo xeito, abonda, "ata agora non se utilizou ningún financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento para os traballos de recuperación sinalados". Isto acontece nun escenario no que o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia "prevé actualmente un gasto de 145 milóns de euros para recuperar o potencial forestal e aplicar medidas preventivas en bosques danados por desastres naturais, incluídos os incendios forestais". Pero a "selección dos proxectos concretos", sinala o comisario, "incúmbelle ao Goberno autónomo de Galicia".

 

Ampliación da Rede Natura

A Comisión lembra a necesidade de ampliar a Rede Natura

A resposta do responsable europeo de Medio Ambiente permite coñecer tamén que a Comisión segue de preto o cumprimento dun dos deberes pendentes do Goberno galego en materia ambiental, a ampliación da Rede Natura, comprometida tanto polo actual Executivo como polo anterior pero que polo momento non se materializou. "A Comisión mantense en contacto coas autoridades españolas, xa que é necesario que estas subsanen as lagoas detectadas e completen a Rede Natura 2000 en Galicia e outras rexións", o que "inclúe a designación oficial dos espazos" tal e como marca a Directiva de Hábitats.

No momento en que esta operación culmine, explica o comisario, poranse en marcha "oficialmente as medidsa de xestión dinámica e de recuperación dos espazos" elixidos. "A Comisión convidou a todos os Estados membros a que expoñan as súas necesidades de cofinanciamento da UE para Natura 2000 mediante o establecemento de marcos de acción prioritaria", tendo en conta, subliña, "as posibilidades de cofinanciamento da UE presentadas nas propostas de financiamento da comisión para o próximo marco financeiro plurianual", isto é, nos vindeiros orzamentos comunitarios, en vigor dende 2014.

Antolín Sánchez Presedo, eurodeputado do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.