A Xunta non actualiza dende abril o rexistro de convenios obrigado pola lei de transparencia

Reunión do Consello da Xunta © Conchi Paz

En novembro de 2006 entraba en vigor en Galicia o decreto que regulaba o rexistro de convenios, un dos puntos máis novidosos que, non sen friccións entre os socios do Goberno bipartito, se incluía na Lei de transparencia e boas prácticas. O artigo 7 de aquel decreto estipula que os convenios, isto é, os acordos formais aos que chega a Xunta con empresas, entidades, persoas ou outras Administracións, deben poder ser consultados "a través da páxina web da Xunta de Galicia" do xeito en que estipula a lei e atendendo á protección de datos. Esta norma veuse cumprindo con máis ou menos dixilencia dende aquela, pero o actual Goberno leva nove meses sen actualizar os datos públicos do rexistro.

Fontes da Xunta consultadas por Praza Pública admiten este parón na actualización da información e atribúeno á falta de persoal no departamento correspondente, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia. Para a inscrición de cada convenio, resaltan, cómpre que cada departamento autonómico remita ao rexistro un orixinal ou copia compulsada ao Rexistro e máis documentación adicional, como informes que xustifiquen as sinatura do convenio e a súa autorización.

A Xunta admite o freo na información e atribúeo á falta de persoal

Este freo na actualización provoca que quen se achegue ao espazo habilitado para a consulta de convenios só poida obter, a finais de xaneiro de 2016, datos ata abril de 2015. Para acceder á información de convenios máis recentes cómpre mergullarse no Diario Oficial de Galicia, onde as diversas consellerías si continúan cumprindo, con ritmos diversos, a obriga legal de publicar cuadrimestralmente unha relación dos convenios que asinan.

A nova lei de transparencia, aprobada en decembro, non foi publicada polo momento no DOG

Así as cousas, mentres o Executivo continúa a advertir do despregamento do denominado Plan de Impulso Democrático, anunciado por Feijóo hai un ano cando a oposición esixía explicacións a respecto de diversos casos de presunta corrupción, o Goberno incumpre a polo momento vixente lei de transparencia de 2006 e o decreto que a desenvolve. Esta norma segue en vigor porque a nova lei de transparencia, aprobada polo pleno do Parlamento a finais do pasado decembro, aínda non foi publicada no DOG. Esta demora foille xa reprochada polo PSdeG ao presidente da Xunta na primeira sesión de control do ano.

O novo rexistro de convenios terá características similares ao de 2006, atendendo ao avanzado pola Xunta

A publicación da nova lei no DOG e a súa entrada en vigor, 20 días despois, non eximirá a Xunta, en todo caso, de ter que seguir cinguíndose ao decreto do rexistro de convenios do ano 2006. Non en van, a disposición transitoria segunda do novo texto legal explica que, "mentres non se desenvolva regulamentariamente esta lei" seguen en vigor varias normas anteriores, entre elas, o decreto que regula o rexistro de convenios.

Como informou este diario non cabe agardar, en calquera caso, excesivas novidades a respecto da nova regulación do rexistro. Segundo o adiantado polo Goberno, ten a intención de que o novo rexistro "aumente a súa funcionalidade tecnolóxica e a súa transparencia, ao tempo qeu garanta unha maior accesibilidade por parte da cidadanía". No entanto, a súa descrición máis concreta, incluída no devandito Plan de Impulso Democrático, indica unhas normas de información e publicación practicamente idénticas ás xa vixentes dende hai dez anos.

Descrición do novo rexistro de convenios, difundida pola Xunta en xaneiro de 2015, e da lei de transparencia de 2006

Información ofrecida polo rexistro nunha consulta realizada este 28 de xaneiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.