A Xunta non entregou o 60% dos documentos que lle reclamou a oposición durante 2015

Feijóo amosa un documento durante unha sesión de control © Xoán Crespo

A solicitude de documentos á Xunta, á que os membros do Parlamento teñen legalmente dereito, é un motivo habitual de confrontación política. Así, por exemplo, durante a etapa do PP na oposición tornaron en habituais as 'excursións' a San Caetano do deputado conservador Ignacio López Chaves, actual delegado da Xunta en Vigo, esixindo acceder a documentos que, afirmaba, o bipartito de PSdeG e BNG lle negaba. Tras o retorno dos populares ao poder as protestas volveron cambiar de bando por uns atrancos que, no caso do ano 2015, derivan en que o Executivo non lle facilitase aos grupos da oposición case o 60% dos documentos que formalmente lle reclamaron.

O Regulamento fixa un prazo máximo dun mes para que a Xunta achegue os papeis solicitados

Estas solitudes de información teñen o seu abeiro no artigo 9 do Regulamento do Parlamento, que fixa ademais un prazo máximo dun mes para que a Xunta envíe a documentación solicitada, permita que a deputada ou deputado teña "acceso directo" á mesma ou, no seu defecto, ofreza "razóns fundadas en dereito que impidan" ofrecer os papeis que se pidan. Este procedemento, lamenta a oposición, en raras ocasións se cumpre. E mostra disto é que, das 251 solicitudes de documentos formuladas durante o pasado ano, 147 finalizaron o exercicio sen ser respondidas.

A finais de ano permanecían "en tramitación" 147 das 251 solicitudes formuladas

Por grupos, o máis numeroso da oposición, o PSdeG,  é tamén o que máis documentos pediu e o que máis solicitudes ten pendentes de resolución. Foron, nomeadamente, 204 peticións durante o pasado ano, das que 111 permanecen "en tramitación". O seguinte grupo cun maior volume de peticións foi AGE, que formulou 28 e recibiu 6 respostas. No caso do BNG, a Xunta respondeu 5 das 8 solicitudes de documentación que formulou, e ao Grupo Mixto non chegou ningún dos documentos que reclamou en 6 solicitudes.

Pola banda do PP o panorama cambia tanto pola cantidade de peticións -escasas, como é habitual nos grupos que sustentan ao Goberno- como pola resposta da Xunta. Durante o pasado ano os conservadores formularon 5 peticións de documentos das que 4 foron respondidas.

Agardando por Pemex dende 2012

A Xunta segue sen remitir os contratos con Pemex que o PSdeG lle reclamou en novembro de 2012

O volume de documentos pendente de achegar á oposición mellora, non obstante, os números de hai un ano. Como informou Praza.gal, a comezos de 2015 a Xunta tiña sen atender o 95% das solicitudes de documentación da oposición. As cifras mudan pero o que non o fai, no entanto, son algunhas das materias pendentes de contestación: tal e como denunciaron os grupos da oposición en datas recentes, o Executivo segue sen amosar, por exemplo, "os contratos de Pemex asinados por Feijóo", petición formulada polo PSdeG que agarda dende novembro de 2012.

Alén das solicitudes de información, a memoria anual do Parlamento reflicte tamén outros datos como os referentes ás preguntas escritas dos grupos, das cales 3.810 permanecían en tramitación a finais do pasado ano, durante o cal foron tramitadas 2.202 e presentadas 992 novas. Durante ese ano as formacións políticas presentaron 119 solicitudes de comparecencia de membros do goberno e foron tramitadas 29, unha delas a do presidente da Xunta a petición propia para informar do seu "plan de impulso democrático", única ocasión na que Alberto Núñez Feijóo compareceu á marxe das sesións obrigatorias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.