A Xunta non pagará a parte da extra aos empregados públicos ata que se pronuncie o Constitucional

Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

A Xunta non pagará a parte da paga extra de 2012 non abonada indebidamente aos empregados públicos mentres non haxa sentenza do Tribunal Constitucional, segundo lles dixo este luns a conselleria de Facenda, Elena Muñoz ás organizacións sindicais con representación na Messa Xeral da Función Pública e que xa advertiron dunha futura resposta que avaliarán nos vindeiros días.

Así o comunicou a CIG logo da xuntanza entre a conselleira e os sindicatos para saber como pretendía a Xunta dar cumprimento ás numerosas sentenzas qeu obrigan a devolver a parte indebida da paga extra que non se pagou aos traballadores públicos. Os ditames xa publicados foron todos favorábeis para o persoal laboral dependente de Portos de Galicia, do V Convenio da Xunta, das tres universidades, tanto para o persoal laboral PDI como PAS, Seaga, Turgalicia ou CRTVG e persoal funcionario do SERGAS e Ensino, polo momento.

O ditames resolven que o persoal público non pode perder dereitos adquiridos antes da entrada en vigor do recorte

A mediados de xullo de 2012 Mariano Rajoy anunciaba o seu primeiro gran paquete de recortes, executado dous días despois nun Consello de Ministros presidido polo rei e convalidado definitivamente no Congreso dos Deputados só cos votos do PP. Aquel marasmo de tesoiradas incluía, entre outras moitas medidas, a supresión da paga extra de decembro para o persoal público, que perdía unha das catorce partes nas que se divide anualmente o seu salario. Moitas administración, entre elas a Xunta e múltiples concellos, eliminaron esa paga extra de forma íntegra, obviando que facelo implicaba aplicar a lei de maneira retroactiva. Agora a Xustiza está empezando a repoñer a parte que non cumpría eliminar.

Os sindicatos instan a que se faga efectivo xa o pagamento dos salarios deixados de percibir. A CIG demandou "que se deran instrucións para que todos os organismos e administracións dependentes da Xunta procedan xa a facer esta devolución" e fixo extensiva esta demanda aos concellos, "onde tamén hai sentenzas favorábeis, tras denunciar os custos que a vía xudicial está provocando á administración, que en moitos casos son superiores ao que custaría facer efectiva a parte correspondente á paga extra de 2012".

Facenda xustifica a súa negativa en que a decisión vén do Estado e debe agardar polo Constitucional

A conselleira de Facenda xustificou a súa negativa a acatar as sentenzas argüíndo que a decisión de non abonar a paga extra derivaba dun Real Decreto estatal que obrigaba á Xunta a aplicalo e que tiñan orde do Estado de agardar a que se ditara sentenza firme do Constitucional, segundo relata a CIG. O Goberno galego argumenta que non pode pór en marcha ningunha iniciativa propia porque dependen das decisións que se adopten a nivel de Estado. "Porén, si puido o Executivo presentar recursos a todas as sentenzas nas que cabía presentalo, tanto as referidas a persoal laboral como a persoal funcionario", lembra o sindicato nacionalista.

Protesta do persoal da Xunta, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.