A Xunta obviou tres anos de queixas por escrito sobre o estado dunha estrada na que acabou accidentada unha viandante

Estrada OU-536 na que ocorreu o accidente pola falta de mantemento da Xunta © Google

A Consellería de Infraestruturas terá que indemnizar unha muller que rompeu un brazo e quedou con secuelas tras tropezar pola falta de mantemento da vía malia "numerosas" protestas do Concello e a veciñanza, mesmo ante a Garda Civil

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de condenar a Consellería de Infraestruturas a indemnizar unha muller polas lesións que sufriu ao tropezar en ramas e follas existentes na beiravía dunha estrada titularidade da Xunta. O Concello presentara "numerosos escritos" de queixa nos tres anos previos e a veciñanza mesmo denunciara o estado da vía ante a Garda Civil.

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza agora emitida polo TSXG, en outubro de 2016 a muller camiñaba co seu marido pola beiravía da estrada OU-536 ao seu paso polo concello de Esgos, "único acceso" peonil ao seu domicilio, cando tropezou en ramas e follas e rompeu un brazo, quedándolle secuelas. Os restos vexetais procedían de árbores de gran tamaño que abeiran a estrada, na súa zona de dominio público, e que a administración levaba anos sen podar malia "continuos escritos" de queixa.

Sentenza que condena a Xunta pola falta de mantemento dunha estrada malia "numerosos escritos" advertindo do risco CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza constata "numerosos escritos, queixas e solicitudes dirixidos desde 2013 polo propio Concello de Esgos" á consellería "solicitando a poda" das árbores. De feito, a caída de ramas chegara a "provocar en ocasións o corte temporal da circulación". E só cinco meses antes, o maio anterior, veciñanza afectada, incluída a propia muller lesionada, presentara unha denuncia ante a Garda Civil esixindo a poda das árbores. Unha situación de risco que os axentes constataron.

"Quedou constancia do anómalo funcionamento do servizo público de mantemento da estrada da súa titularidade por parte da Xunta", di o TSXG

Ante estes feitos, o TSXG di que "quedou constancia do anómalo funcionamento do servizo público de mantemento da estrada da súa titularidade por parte da Xunta", á que compete arranxar "aquelas deficiencias que impliquen un potenciar perigo susceptible de provocar resultados danosos". "Entre estas deficiencias a eliminar ha de comprenderse, loxicamente, a limpeza das beiravías e a poda das árbores existentes nas marxes da estrada, máxime se existen escritos, reclamacións e queixas previas por parte do Concello e dos veciños", engade o tribunal. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Porén, a sentenza modera a indemnización a cobrar pola muller ao considerar que a responsabilidade pola caída debe ser compartida. Así, o tribunal salienta que a lesionada era coñecedora do estado da estrada e o risco que supuña, que a caída non era inevitable xa que ía acompañada do marido e este non caeu, e non constan outras caídas no lugar, e porque a lexislación impón a quen teña que camiñar por unha estrada porque non lle quede outro remedio a obriga de facelo con prudencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.