A Xunta participou na reactivación da Comisión Nacional de Asuntos Taurinos

Wert, con toureiros no inicio da reunión á que acudiu a Xunta © Unión de Toreros

O pasado 25 de febreiro celebrouse en Madrid dun organismo que durmía o sono dos xustos dende 1998, isto é, dende a metade da primeira lexislatura con José María Aznar na presidencia do Goberno de España. Baixo a presidencia do ministro de Educación e Cultura, José Ignacio Wert, sentaron á mesma mesa representantes de diversas administracións públicas e de colectivos que poucas persoas recoñecerán en Galicia, tales como a Unión de Toreros, a Unión de Banderilleros, asociacións de "cirurxiáns taurinos" ou a Federación Internacional de Escolas de Tauromaquia. Xunto a todos eles estivo tamén un representante da Xunta.

En senllas respostas parlamentarias escritas, redactadas a instancias do PSdeG e do BNG, a Vicepresidencia da Xunta recoñece que enviou representación oficial a ese encontro presidido por Wert, ao que acudiron toureiros como El Juli. O encargado desta misión foi o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, se ben a web oficial desta delegación galega na capital de España non ofreceu no seu momento ningunha referencia ao respecto. E, por que foi? Porque "a Xunta asume como práctica habitual acudir a aqueles foros sectoriais ou consultivos formalmente constituídos para articular e vertebrar as relacións entre a Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas e entes locais". Tamén porque "considera que o diálogo institucional sempre é positivo, en todos os ámbitos da xestión pública".

O Goberno galego enviou á xuntanza, na que tamén participaron toureiros, ao director da Casa de Galicia en Madrid

Nunha destas respostas, a ofrecida ao Bloque, o Goberno galego fai constar que "non colabora economicamente na organización dos espectácuilos taurinos celebrados en Galicia", se ben non ofrece xustificación adicional ningunha do porqué da súa asistencia á xuntanza, á que acudiron un total de catorce autonomías, segundo o Goberno central -que non especifica cales foron as que non asistiron-. Atendendo á información que deu sobre esa xuntanza o Ministerio de Educación, Wert xustificou a reactivación da Comisión pola "nova consideración legal da tauromaquia como disciplina artística, actividade cultural e industria cultural" e o "obxectivo de deseño e aprobación do futuro Plan Nacional de Fomento e Protección da Tauromaquia".

Neste contexto, cabe deducir que a Xunta participa no deseño dese plan, que di a Unión de Toreros citando un "informe" do Ministerio, vai implicar "a definición legal das escolas taurinas como centros docentes", a declaración das touradas con Ben de Interese Cultural en todo o Estado ou a "redución dos custos administrativos" para a organización deste tipo de espectáculos. En Galicia a presenza das touradas é residual, toda vez que nos últimos cinco anos se celebraron pouco máis de 60 eventos, que foron acollidos no 4,1% dos concellos do país.

Wert, con toureiros no inicio da reunión á que acudiu a Xunta © Unión de Toreros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.