A Xunta pecha por sorpresa e "sen diálogo" tres colexios nas Pontes, O Porriño e Outes

Mobilización nas Pontes contra o peche do CPI Monte Caxado Dominio Público @XuntosPAP

Na véspera de rematar o curso, a Xunta sorprendeu ao profesorado e ás familias de varios centros educativos anunciándolles sen previo aviso o seu peche. Así, a Consellería de Educación anunciou á dirección do CEIP Emilio Navasqüés en Cruceiro de Ro (Outes), á do CPI Monte Caxado (As Pontes) e á do CPI da Ribeira (O Porriño) que xa non abrirán as portas cando en setembro o alumnado regrese ás aulas. Ao tempo, a Administración anunciou tamén que elimina a oferta educativa da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e que suprime dez postos docentes no IES de Celanova. Todo un día antes de comezar as vacacións escolares. 

A un día e rematar o curso, a Xunta anunciou o peche do CEIP Emilio Navasqüés de Outes, do CPI Monte Caxado das Pontes e do CPI da Ribeira do Porriño

O anuncio do peche colleu por sorpresa a docentes e pais. As anpas reuníronse de urxencia na tarde deste xoves no instituto das Pontes, que ten 195 alumnos de Infantil e Primaria e 67 da ESO. Os primeiros pasarán ao CEIP A Madalena, mentres que os segundos incorporaranse ao IES Moncho Valcarce, algo que segundo CIG-Ensino provocará a "saturación" destes centros, situados moi perto do que agora se pecha. 

A Xunta anunciou tamén que elimina a oferta da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e a supresión de dez postos docentes no IES de Celanova

No caso de Outes, o peche do centro de Cruceiro de Ro supón a eliminación da oferta educativa nesa localidade e o traslado de todo o alumnado ao CEIP da Serra de Outes, afectando un total de 72 alumnos matriculados para o curso que vén. Desde a Xunta deféndense a decisións en base a criterios xeográficos, demográficos e pedagóxicos e co obxectivo de xestionar responsablemente os recursos. Ademais, advirten de que se respectarán os ratios máximos por cada aula. 

Familias, profesores e alumnos mobilízanse xa contra os peches; "estamos indignados, tristes e impactados", di o claustro do CEIP Emilio Navasqüés

Con todo, a reacción de pais e profesorado foi de sorpresa e indignación tanto nas Pontes como en Outes ou O Porriño, onde ambos colectivos convocaron xa concentracións para este venres. Desde o claustro do CEIP Emilio Navasqüés chamouse a todas as familias afectadas e á veciñanza a unha mobilización ao mediodía nun comunicado "urxente" no que din sentirse "indignados, tristes e impactados" logo dunha decisión de peche que chegou "sen previo aviso". A protesta terá lugar, aclaran, "en lugar do festival" habitual de fin de curso. Nas Pontes, xa houbo mobilizaicións e haberá outras ás 13.15 horas e ás 20 horas na praza do Carme. Do mesmo xeito, no Porriño unha manifestación xa percorreu as rúas da vila este xoves. 

No caso de Ribadavia, a Consellaría de Educación comunicou o traslado da ESO ao IES do Ribeiro, no que implica, segundo os sindicatos, unha "masificación para o que quedaría como único centro de secundaria no Concello". Alén disto, tal e como destaca CIG-Ensino, está prevista unha redución de dez postos de traballo no IES de Celanova, o que "mermará a calidade educativa no centro, impedirá desdobres, diversificación, atención ao alumnado, impedirá que a comarca conte cun centro que poida ser referencia nas diferentes ofertas educativas obrigatorias e postobrigatorias". Ademais, destacan que na vila hai un centro concertado que imparte as ensinanzas da ESO "e que seguirá recibindo subvencións para manter no centro privado a oferta formativa a costa de desmantelar o ensino público".

Os sindicatos censuran os peches "sen información nin negociación previa, de forma unilateral, a través dos medios e aproveitando o final de curso"

A CIG denuncia o peche de centros educativos completos e o traslado de ensinanzas "sen información nin negociación previa", mentres que a Federación do Ensino de CCOO de Galicia denuncia a medida "aproveitando o final do curso e "de forma unilateral", ademais de "reprochar" que só se informase "a través dos medios de comunicación".

"Se a Administración era consciente da eliminación destes centros e ensinanzas, estariamos ante unha estafa ás familias que xa formalizaran as matrículas dos rapaces e rapazas nestes centros, amais da vulneración dos dereitos laborais do profesorado que impartía ensinanzas neles", di CCOO, que asegura que se, pola contra, a decisión se tomou xusto agora, no final do curso, "trataríase dun novo caso da falta de planificación, da improvisación e da ausencia de diálogo que nos últimos anos caracterizan a Consellaría de Educación".

En Marea dixo xa "opoñerse de maneira decida ao peche inxustificado de colexios en Galicia". O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada Luca Chao, participaron nas concentracións realizadas nas Pontes e Serra de Outes contra o peche de centro nestas dúas localidades coruñesas. O grupo, o do PSdeG e o do BNG xa pediron a comparencia urxente do conselleiro de Educación para que explique por que un día antes da finalización do curso escolar anuncia o peche de catro centros en toda Galicia "sen xustificación por falta de alumnado". 

En Marea, PSdeG e BNG piden xa a comparecencia urxente do conselleiro de Educación

Ademais, o portavoz de Educación no grupo parlamentairo do PSdeG, Luís Álvarez, criticou unha decisión "unilateral e sen consulta previa”. “A Xunta non negociou con ningunha das partes afectadas, -ANPAs, docentes e  organizacións sindicais-,  nin informou da decisión até a véspera do fin de curso”,engadiu Olalla Rodil, portavoz da materia do BNG, sobre unha decisión que considera “un exemplo máis da política educativa do PP marcada polos recortes de centros e de persoal na educación pública, mentres reserva 1.550 millóns de euros á privado-concertada”.

Para Compromiso por Galicia, a decisión "con nocturnidade e alevosía" da Xunta supón "unha forma de actuar escura, intentando non dar marxe de actuación e rompendo a capacidade de dialogo e encontro". "Vén demostrar a verdadeira cara de Feijoo; é este o xeito de actuar dun bo xestor?.  Parece máis ben a actuación dun fondo voitre", di a formación galeguista. 

Concentración no CPI Monte Caxado das Pontes Dominio Público @En_Marea
Mobilización no Porriño contra o peche do CPI da Ribeira © Concello do Porriño
Mobilización en Outes contra o peche do centro escolar Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.