A Xunta planea hospitalizar máis doentes na casa para aforrar

Treito do documento que xustifica o plan 'Hospital na Casa' CC-BY-SA Praza Pública

"Basicamente", trátase dun plan "orientado para os pacientes oncolóxicos e con outras patoloxías agudas que non sexan susceptibles de tratarse no hospital convencional". O Consello da Xunta deste xoves tivo sobre a mesa un informe -documento sen valor legal ningún que lle adoita servir ao Goberno para detallar ante a prensa asuntos que considera oportunos- sobre o desenvolvemento dos plans de investimento tecnolóxico do Servizo Galego de Saúde nos que se levan gastados uns 50 millóns de euros e que chegarán aos 100. Un destes proxectos, o Innova Saúde, inclúe o "subproxecto" denominado Hospital na Casa cuxo roteiro pasa, esencialmente, por enviar doentes ao seu domicilio para aforrar en hospitalización.

Mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explica someramente que a intención deste proxecto pasa por "profundar nas posibilidades da hospitalización a domicilio" procurando que os doentes estean nun lugar "máis confortable" a documentación do propio plan desenvolve máis a explicación e susténtaa, esencialmente, en motivos económicos. O documento, redactado só en castelán, apóiase en datos de 2009 para explicar que nese ano "no Sergas as hospitalizacións ascenderon a 241.741 e delas, "só se realizaron no domicilio 4.340". Datos coma este, unidos a factores como "o envellecemento da poboación" ou a "mellora no prognóstico de enfemridades agudas" levan a concluír os redactores do paln que "o modelo actual é dificilmente sostible".

O documento di que o actual modelo sanitario "é dificilmente sostible" e réstalle valor á hospitalización

Cun xeito de argumentar lixeiramente semellante ao do Informe Abril, que nos anos 90 propuña múltiples recortes e reestruturacións no sistema sanitario do Estado e é visto con moi bos ollos polo propio Feijóo, o plan Innova Saúde explica que "se estima que en 10 anos bajxo o modelo actual se requeriría duplicar o gasto sanitario" e por iso "é necesario desenvolver e implantar novas solucións asistenciais máis eficientes". "O ingreso hospitalario achega o seu principal valor no tratamento de pacientes críticos, a realización de procedementos cirúrxicos ou técnicas invasivas ou a realización de probas diagnósticas de alta tecnoloxía", di. "No entanto -sinala- a maioría dos días nos que o paciente permanece hospitalizado faino en espera da realización de probas, realizando tratamentos médicos ou buscando a estabilización de procesos médicos ou postoperatorios".

"Pouco valor e alto gasto"

Estes son segundo o guión gobernamental "escenarios nos que a hospitalización achega pouco valor e alto gasto, sendo ademais unha fonte de incomodidades" para "pacientes e coidadores". Polo tanto, a Xunta proponse que "pacientes con insuficiencia cardíaca, enfermidade pulmonar obstrutiva" ou cancro, enre outros, sexan trasladados ás súas casas. Alí instalaríanselles "equipos integrais móbiles de vixilancia que incluirían videocámara e micrófonos para permitir a comunicación inmediata co paciente e multisensores de constantes (...) que permitirían a monitorización remota de constantes vitais". Estes equipos serán controlados dende "unidades centrais de teleasistencia domiciliaria", dende as que mesmo se tería "capacidade de intervención sobre bombas de perfusión, medicación endoveosa e dispensadores mecánicos de medicación".

O plan prevé instalar equipos informáticos nas casas dos doentes para controlar as constantes ou a medicación

A posta en marcha destes equipos, segundo a Xunta, "permitirían reducir a duración dos ingresos hospitalarios, os seus costes" e "mellorar a atención aos pacientes nun entorno humanizado". Sen abandonar a linguaxe técnica o documento explica que "o produto a desenvolver debe ser de sinxela instalación" e nel o único material funxible -que se consome co uso e non pode ser reutilizado- "serán os sensores en contacto co paciente". Para aplicar esta tecnoloxía, advirte, "débense establecer novos modelos organizativos nos servizos de saúde" e realizando, tamén aquí, "unha avaliación coste-eficiencia destes servizos".

Empresas participantes

A documentación do plan Innova Saúde inclúe tamén as empresas que participan na "convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras" para este programa. Son, en total, 41 compañías, algunhas de pequena dimensión e con sede en Galicia e outras multinacionais da tecnoloxía e das comunicacións. Así, por exemplo, nesta relación figuran centros universitarios de investigación pero tamén Philips, Indra ou Telefónica, entre outras.

Feijóo: "Estamos investindo en infraestruturas e tecnoloxía máis que calquera comunidade autónoma"

Mentres isto sucede o presidente era cuestionado este xoves a respecto das protestas que, nos últimos días, protagonizou o persoal sanitario polo peche de camas nos hospitais durante o verán. Feijóo réstalles importancia ás reclamacións por ser "cíclicas" e mantén que "todas as camas están dispoñibles en función da demanda que teñamos en cada momento", cunha garantía "do 100%". A súa intención, asegura, non é outra que "facer un sistema sanitario público viable, que financie todos os avances". "Por iso -agrega- en plena crise económica estamos investindo máis en infraestruturas e tecnoloxía que calquera comunidade autónoma".

Feijóo, na presentación do plan, no Gaiás en 2012 © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.