A Xunta prepárase para someter o seu persoal a un exame permanente

A conselleira de Facenda preséntalles a Lei de Emprego Público aos sindicatos © Conchi Paz

Hai tempo que a incerteza reina entre o persoal ao servizo das Administracións públicas. Recortes, privatizacións, axustes de planteis e endurecemento das normas internas fan que as traballadoras e traballadores públicos xa non sexan considerados como o único sector da poboación cunhas condicións laborais aseguradas. Ben ao contrario, atópanse sometidos aos avatares da crise económica e, en virtude da nova lexislación estatal, mesmo poden enfrontarse a un ERE. Este é o pano de fondo co que a Xunta comeza o percorrido da futura Lei do Emprego Público, unha norma que actualmente aínda ten a forma de anteproxecto e cuxo contido, que segundo o Goberno galego será a base dunha Administración "máis áxil e moderna", someterá o persoal público a unha caste de exame permanente.

Aínda que cunha redacción non excesivamente concreta, o anteproxecto introduce o concepto de "avaliación do desempeño", base dunha filosofía segundo a cal a Xunta xa non medirá o funcionamento da Administración por "unidades administrativas", senón realizando unha "avaliación individualizada de cada empregado". Mediante este procedemento, que se rexirá a través dun regulamento aínda non redactado, o Executivo vai "medir e valorar a conduta profesional e o rendemento ou o logro de resultados" do persoal, fixándose en aspectos como "o grao de cumprimento dos deberes profesionais" que a propia lei impón, o "grao de interese, iniciativa e esforzo co que realicen o seu traballo" ou a "implicación na actualización e perfeccionamento da súa cualificación profesional".

A Xunta asegura que será "obxectiva" ao medir o "grao de interese, iniciativa e esforzo" de cada empregado público

Malia tratarse de criterios que, a priori, semellan abstractos, o anteproxecto, ao que tivo acceso Praza Pública -datado no pasado 12 de abril-, asegura que existirán baremos "obxectivos" para medir a "contribución individual de cada empregado público á consecución dos obxectivos da unidade administrativa na que preste os seus servizos" e á "mellora da organización e a xestión administrativa a través da participación en procesos de innovación e boas prácticas a prol da excelencia e a normalización e racionalización de procesos".

E, cales serán os efectos de mirar con lupa a cada traballador e traballadora? Quen non se someta á avaliación ou o faga pero non obteña un "resultado positivo" non poderá "progresar na súa carreira profesional" nin "obter e manter o complemento retributivo de desempeño", que substituirá ao actual complemento de produtividade. No caso do persoal que "ocupe postos de traballo obtidos por concurso" non haberá opción a non realizar este exame, cuxo suspenso traerá consgio ademais a "obrigatoriedade da actualización e perfeccionamento da cualificación profesional mediante a participación nos cursos de formación regrada que se establezan".

Mobilidade forzosa

Esta nova normativa, que substituirá a actual Lei da Función Pública e ás normas que a complementan, regulará tamén a mobilidade forzosa do persoal ao que lle afecta, isto é, ao da Administración autónomica, ao da Administración local e ao persoal de administración e servizos das universidades. Segundo o texto do anteproxecto ao que accedeu este diario "os órganos dos que dependa funcionalmente o persoal poden asignar ao mesmo, con carácter temporal e, en todo caso, por un período máximo de seis meses, funcións, tarefas ou responsabilidades distintas ás correspondentes ao posto de traballo que desempeñen" cando "as necesidades do servizo o xustifiquen".

As comisións de servizos forzosas do funcionariado poderán durar ata tres meses

No caso do persoal funcionario de carreira este "pode ser adscrito a un posto de traballo en comisión de servizos forzosa por un prazo máximo de tres meses cando, por necesidades do servizo, sexa urxente a súa provisión e non sexa posible a súa cobertura por algún dos sistemas de mobilidade voluntaria". Neste caso a Admnistración comprométese a manter o soldo do traballador ou traballadora se o posto ao que é asignado ten "unhas retribucións inferiores ás do posto de orixe". Se o traslado de posto implica tamén mobilidade xeográfica o persoal funcionario afectado "terá dereito ás indemnizacións que se establezan regulamentariamente para os traslados forzosos".

A conselleira de Facenda preséntalles a Lei de Emprego Público aos sindicatos © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.