A Xunta presume de "uso correcto" dos fondos europeos ante embaixadores da UE

Feijóo, co comisario de Política Rexional © Xunta

Unha "vintena de embaixadores da Unión Europea acreditados en España" e mais o embaixador de Croacia -vindeiro membro da UE- viaxarán durante dous días -este luns e este martes- a Galicia acompañados polo director da Oficina da Comisión Europea en Madrid. A visita, organizada pola presidencia comunitaria de quenda, que lle corresponde a Irlanda ata xuño, servirá para que os embaixadores aborden cuestións como "os sectores produtivos da economía e da cultura" e tamén a xestión dos fondos europeos. É neste segundo asunto no que a Xunta ten pensado aproveitar para sacar peito ante os representantes europeos.

Segundo a información previa á visita ofrecida polo Goberno galego, o encontro servirá para "analizar asuntos como a correcta utilización dos fondos europeos que ten feito Galicia". Sempre segundo a versión oficial, ese uso das axudas comunitarias -interpretada de xeito crítico por diversos expertos e mesmo pola propia Comisión, que referiu os "claros e escuros" desta xestión- permitiulle "á nosa rexión abandonar a categoría de rexións menos desenvolvidas en menos dunha década". Así, o Executivo pon o foco en factores como o incremento do PIB pero non noutros como a entrada na UE de estados economicamente máis febles que o español.

A Xunta preséntase como exemplo de xestión dos fondos europeos, pero tamén levará os embaixadores á Cidade da Cultura

Neste escenario, o Goberno galego obviará a peor faciana dos tempos da chuvia fina dos fondos europeos, con pequenos investimentos de dubidosa utilidade, e amosaralles aos embaixadores "proxectos tecnolóxicos e de I+D+i, como o Centro de Investigación Molecular e de Enfermidades Crónicas da USC" ou "o proxecto Smart City da Coruña". Segundo o gabinete de Feijóo, o feito de que o Comité das Rexións designase en días pasados o presidente da Xunta "como relator dun ditame sobre como gastar mellor os fondos europeos" supón "un recoñecemento ao bo uso e á experiencia na xestión eficiente dos fondos da UE que realizou Galicia" dende 1986, cando comezaron a chegar as axudas estruturais.

A comitiva tamén se achegará ás instalacións de Feiraco e Inditex e "manterán encontros co directo do Igape e coa conselleira do Medio Rural e do Mar". Nestas xuntanzas vánselles "presentar as grandes áreas de actuación para promover o desenvolvemento de Galicia nos próximos anos" e "explicar a postura de Galicia" ante as políticas agrarias e pesqueiras. Non obstante, non todo serán visitas a instalacións científicas e produtivas. A Xunta tamén procura que o encontro sexa "un bo escaparate para a promoción do Camiño de Santiago e da Cidade da Cultura". O Gaiás, di, debe ser "entendido" polos visitantes "como polo cultural de gran envergadura, dedicado ao coñecemento e á creatividade contemporánea de Galicia".

Feijóo, co comisario de Política Rexional © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.