A Xunta proclama que en Galicia "ninguén pasa fame"

Fajardo e Mato, durante o debate no pleno CC-BY-SA Praza Pública

Hai apenas dúas semanas Cáritas presentaba en Santiago unha radiografía da pobreza en Galicia. Dese documento a organización social destacaba as grandes cifras que centran a súa preocupación: unhas 650.000 persoas están xa en situación de exclusión social en territorio galego e 120.000 delas sofren xa pobreza severa. Este é o pano de fondo que o deputado da AGE Juan Fajardo situou este martes na súa pregunta á conselleira de Traballo e Benestar. O paro, o "incremento no custo da vida", as "conxelacións salariais" ou a "redución nas prestacións por desemprego" levárono a preguntarlle ao Goberno se "ten pensado continuar nesta deriva criminal, que impulsa á desesperación e á morte a moita xente" ou se "ten algunha proposta para solventar esta situación". Na súa resposta, Beatriz Mato instouno a abandonar o "catastrofismo".

"Pódolle garantir que non me escoitará que Galicia vai ben, pero vai moitísimo mellor que a maioría das comunidades" e isto é debido ás "política da Xunta, onde todo o Goberno traballa arreo para reducir as cifras do desemprego e que os efectos da crise non recaian sobre os máis febles". Estas accións políticas, asegura Mato, son as que se concretan "no incremento do 40%" no orzamento destinado á Renda de Inserción Social (Risga), unha "partida ampliable" que dá lugar a que non haxa "ningún galego nin galega que estea a pasar fame na nosa comunidade". Ademais, abonda, "increméntanse nun 50% as axudas de emerxencia social", todo para "cubrir esas necesidades".

Fajardo: "Non pode ser humana se di que ninguén pasa fame, vaia a Cáritas ou aos comedores sociais"

"Se a pico, non cae sangue", sentenciou Fajardo na súa quenda de réplica, convencido de que a conselleira "non pode ser humana" se di "que ninguén pasa fame" en Galicia. "Eu pídolle que vaia a Cáritas ou a un comedor social, a ver se alí hai xente que non pasa fame", retou, dende o convencemento de que "para facer política de traballo e servizos sociais é necesario baixar do coche oficial". "Terá que ir aos colexios onde hai nenos con desnutrición porque apenas comen unha vez ao día", afirma. "Onde vive vostede? -pregúntase o parlamentario da AGE- Pase un día comigo e, se é quen de dicir que non hai problemas, eu dígolle onde están, a ver se lle empeza a fluír o sangue". "É unha persoa totalmente insensible", censura.

"Evidentemente hai problemas", tentou emendar a conselleira, quen asegura que o que non fará é "falar de crimes" ou "mortes", como Alternativa. "Eu visito todas as entidades sociais", deféndese, as mesmas "das que parece qeu vostede é un asiduo". "Se así fose -cuestiona- coñecería que eles están a reclamar apoio e o teñen da Administración e, o máis importante, do voluntariado e da cidadanía  no seu conxunto". A xuízo de Beatriz Mato as preguntas de AGE non responden máis que a "unha demagoxia barata, utilizando a pobreza e a exclusión social como ferramenta política de desgaste". "Diga a verdade, eu sigo a traballar", reprocha.

Fajardo e Mato, durante o debate no pleno CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.